
A oferta para escolares de San Sadurniño é das máis completas das tres comarcas. Os espazos que bordean o río Xuvia e os situados a carón do propio edificio do Concello -o antigo Pazo da Marquesa- son un referente patrimonial e paisaxístico para o tempo de ocio, pero ademais teñen un aproveitamento didáctico singular, con iniciativas orientadas especialmente aos centros educativos.
O Concello de San sadurniño ten concertado coa cooperativa Rexenerando o proxecto Terra de Vida, unha iniciativa dirixida especialmente a escolares e destinada a poñer en valor os espazos verdes e o patrimonio histórico de San Sadurniño. Ao longo do pasado ano pasado participaron nel preto de 200 estudantes de Educación Primaria e Infantil, que puideron gozar dunha xornada de lecer e aprendizaxe nunha contorna única.
A zona da Cortiña, á beira do río, non só permite o paseo por este lugar incluído na Rede Natura, senón que ofrece aos nenos e nenas a posibilidade de gozar da Fraga Máxica, un orixinal espazo singular inzado de esculturas de madeira obra de Carlos García e Marina Goti que reproducen animais como esquíos, cempés ou lagartos que invitan a subirse aos seus lombos e tamén personaxes de fantasía como gnomos, dragóns ou un boneco de madeira moi popular que leva o nome de Agapito. Xogar na compaña destes amigos é un aliciente sobre todo para os más pequenos.
Os escolares poden achegarse ás especies vexetais autóctonas dos bosques galegos: carballos, bidueiros, sobreiras… no arboreto da Cortiña, un espazo destinado, precisamente, a fomentar o coñecemento das nosas árbores.
O obradoiro didáctico para Educación Infantil dura entre 45 e 60 minutos con grupos dun máximo de 20 nenos e nenas: o de Primaria ten unha duración de 90 minutos e admite ata 25 alumnos e alumnas.
Tamén percorrerán a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, na que se recuperan variedades galegas en perigo de extinción cunha plantación de 500 exemplares entre os que hai algún propio de San Sadurniño. Cerdeiras, ameixeiras, pexegueiros, pereiras e maciñeiras de diferentes tipos dan testemuño da riqueza do patrimonio froiteiro de Galicia.
E non pode esquecerse a visita a abellariza didáctica, na que se ensina a importancia das abellas para a supervivencia do planeta, xa que son responsables da maioría da polinización de froitas, hortalizas e sementes e, polo tanto, dunha parte esencial da nosa alimentación.
Ao lado da Cortiña sitúase o Pazo da Marquesa, que hoxe alberga as dependencias municipais. É un edificio señorial que se construíu posiblemente no século XVI, aínda que o seu aspecto actual é froito dunha reforma feita no XIX. Foi un lugar moi visitado pola aristocracia e a nobreza españolas e no que se organizaban grandes merendas e paseos en barca polo río. Os xardíns que o arrodean hoxe son só unha pequena parte das terras que pertencían ao Marquesado de San Sadurniño, nas que había unha granxa, unha capela e outras edificacións, ademais dunha fraga de máis de 100 hectáreas.
Reservas para o proxecto Terra de Vida: info@rexenerando.com / 604 033 515
Máis información en: sites.google.com/view/turismosansadurnino/inicio/rutas
www.sansadurnino.gal
O proxecto pode descargarse nesta ligazón i.gal/terradevida






