A recente descuberta dos restos dunha vella fábrica de salgadura na praia da Madalena -na que existiron ata sete!- representa só un capítulo máis na produtiva relación que Cedeira tivo sempre co mar. É unha historia da que a esta vila lle gusta presumir, de aí que teña un museo, o Mares, no que se garda a memoria de como e quen traballou a pesca e o marisqueo na localidade, das industrias e as canles de venda e dos tesouros que xurdiron das augas ao longo do tempo, entre outras moitas cousas.

O Museo Mares construíuse coas achegas das xentes do mar da localidade. Entre as doazóns destaca a colección de malacoloxía de Manuel Suárez, con máis de 5.000 cunchas

O Museo Mares ten vocación didáctica e conta con actividades deseñadas especificamente para diferentes grupos e idades. Desde facer nós mariñeiros ata interpretar unha carta náutica, as persoas que levan as visitas están sempre ideando novos obradoiros co afán de que a cativada se divirta e aprenda. Son moitos os colexios que aproveitan o desprazamento ata a localidade para visitar tamén, despois do museo, a lonxa da Confraría de Pescadores e a base da Cruz Vermella. Ámbalas dúas están moi preto, de maneira que os grupos ocupan toda a mañá, e está comprobado que a cativada fica encantada coa experiencia.

Poñer o chaleco salvavidas, ver como descarga un dos grandes barcos pesqueiros ou comprobar da man dun mariñeiro ou unha mariñeira cales son as especies que máis se traballan, como pasan pola depuradora… é unha visita que non defrauda. Vides a bordo?

Prezo do Museo Mares: gratuíto para menores de 3 anos; 1€ para nenos e nenas de 3 a 10 anos; 2€ de 10 anos en adiante. O teléfono para concertar as visitas é 614 20 95 04.
Horario: luns e martes pechado. De mércores a domingo, aberto de 10.30 a 13.30h -os sábados ata as 14.00h- e nas tardes de venres, sábados e domingos, de 16.00 a 19.00h.
Desde o Museo Mares facilitan a organización da visita coa Confraría e a Cruz Vermella
Contacte no correo confrariacedeira@confrariacedeira.es ou no teléfono 981 480 389.