Houbo un tempo, alá entre os anos 60 e 80, no que Fene presumía, e moito, do seu Cine Perla. O espazo constituía un importante punto de encontro cultural e de lecer e un destino perfecto para gozar dunha boa película, botar unhas pezas nas sesións de baile ou mesmo acudir a algún que outro concerto. Logo do seu declive nos 90, o histórico edificio, convertido nun auténtico emblema cultural no municipio, sería definitivamente derrubado.
A construción desapareceu mais non a súa memoria, que desde hai dous anos cobrou aínda maior pulo da man do Perla Mural Fest. O festival, nacido en forma de homenaxe á mítica sala, supuxo todo un revulsivo artístico para o concello. Dedicado ao muralismo, ás artes urbanas e á música, está a converter Fene nun auténtico museo ao aire libre. E ademais con recoñecemento internacional.
E é que dúas das obras realizadas no marco da cita acadaron, en dous anos consecutivos, o premio de Street Art Cities ao Mellor Mural do Mundo grazas aos traballos do autor madrileño SFHIR e a súa «Violonchelista de Fene» (na primeira edición de 2023) e do chileno Cristóbal Persona con «O Charanguista Andino», en 2024. Fene eríxese así na única localidade ata o momento en conseguir dúas distincións deste galardón. E en 2025, a localidade volveu ser sinalada no certame internacional. Desta volta o premio ao Mellor Mural do Mundo na categoría Expert Spotlight foi para a obra «As Mouras» do artista Wedo Goás.
Estes e todos os demais murais concibidos nas tres edicións celebradas ata o momento, fan do municipio fenés un destino moi atractivo para unha saída escolar na que apreciar o valor da arte como axente transformador.
Na praza na que se localizaba a antiga sala Perla, pode verse a escultura “El Espectador”, de Suso Basterrechea, en homenaxe aos extintos cines do municipio fenés, que chegaron a ser sete.
Perla Mural Fest: perlamuralfest.gal/
Máis información: fene.gal/turismo/index-turismo/es





