Pode que neste tempo de pantallas e individualidades o máis precioso que se aprende en Esmelle sexa a forza da veciñanza, o valor do traballo en común. A Asociación de Veciños desta parroquia ferrolá puxo en marcha hai máis de dúas décadas un proxecto de recuperación do patrimonio etnográfico que ten recibido moitos premios e que, por riba diso, deparounos tres rutas dos muíños para descubrir, a pé ou en bicicleta, como os ríos e os regatos marcaban a vida de antes.

Ao mellor o espírito dos “esmudienses” de agora sexa herdanza daqueles que habitaron na Idade de Ferrol a aldea castrexa de Tralocastro. A Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial creada pola UDC e o Concello de Ferrol puxeron en marcha no verán de 2023 a primeira campaña de escavación dos restos, ás que seguiron outras dúas. Entre medias, a veciñanza de Esmelle traballa voluntariamente para garantir que os eucaliptos non colonizan o xacemento. Estímase que neste castro vivía unha poboación dunhas 500 persoas.

 

O lugar que habitan Merlín e familia volve en 2027 á actualidade. A homenaxeada no día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, escribiu a novela “Morgana en Esmelle”

A recuperación do castro de San Xoán de Esmelle suma un motivo máis para visitar este bonito val. Outro é o museo de cerámica de Pérez Porto, habilitado tamén por iniciativa popular nun inmoble cedido por unha veciña. Alí están expostas a obras do artista vinculadas á obra de Álvaro Cunqueiro “Merlín e familia”. Porque o mindoniense inventou que o mago vivía na selva de Esmelle, e os esmudienses brindáronlle a aquela fantasía a súa paisaxe real. Así, as rutas por Esmelle permiten descubrir non so o citado museo, senón tamén outras obras de Pérez Porto como unha colorida estatua de Merlín.

 

Ruta dos Sentidos (3km), Ruta dos Muíños (6km) e Ruta da Poza da Lagoa (3km). Dificultade baixa e 2-3 horas de duración para facer camiñando ou en bici
Hai un club BTT no que se poden alugar bicicletas. Información na web da asociación
Para concertar un paseo guiado por algunha das rutas ou a visita ao Museo Pérez Porto, contactar no 604 19 49 49 ou avvvalledeesmelle@gmail.com
O local da AVV conta con servizos e unha cafetería, así como unha pista de xogos
Solicita a unidade didáctica sobre a cultura da auga en avvvalledeesmelle@gmail.com
Tel.: 604 194 949 | avvvalledeesmelle.wixsite.com/esmelle

 

 

 

 

 

 

 

 

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA