Desenterrar a historia coas nosas propias mans é posible sen saír da cidade. No centro cultural Torrente Ballester atopamos unha iniciativa da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial -sostida pola Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol- que ofrece aos centros educativos a posibilidade realizar escavacións nun arqueódromo que constitúe un recurso didáctico único e moi interesante.

Comezou a funcionar no ano 2024 cun grande éxito entre colexios e institutos, está dirixido a estudantes de sexto de Primaria ou primeiro de ESO e ofrece unha experiencia educativa e práctica na que aprender sobre historia e arqueoloxía, escavando eles mesmos nun pequeno xacemento recreado, á vez que traballan en equipo.

Para comezar esta actividade reciben unha explicación introdutoria sobre a arqueoloxía profesional antes de lanzarse á escavación. Despois, a medida que van eliminando capas de terra co pincel, irán atopándose con diferentes obxectos, ósos ou restos de construcións. Unha vez achados deben identificalos nunha folla de rexistro e analizalos con rigor, tentando descubrir a que período histórico pertencen ou por que se encontran así dispostos no xacemento.

Para completar a experiencia e coñecer máis profesións que traballan no ámbito arqueolóxico, a actividade conta cun segundo obradoiro de fotografía. Nel descubrirán o proceso ao que se someten os obxectos despois de ser desenterrados. De maneira práctica, aprenden sobre fotografía de catálogo e a utilizar recursos que poden ter á man, como o papel de seda, para conseguir unha iluminación suave que permita recoñecer os obxectos e os seus detalles para o seu posterior estudo.

Actualmente, do venres 6 de febreiro ao 26 de abril está aberta no Centro Torrente Ballester de Ferrol a exposición “Orixes IV. Urbanismo castrexo”, organizada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial (Concello de Ferrol-UDC).  Nela atoparedes información sobre a última campaña arqueolóxica de 2025 en Tralocastro (San Xoán de Esmelle, Ferrol), que se realizou co apoio do Concello de Ferrol, a UDC e a Xunta. Ao fío desta mostra, organízanse unha serie de actividades, entre elas as visitas «Sabados “Sábados castrexos en familia”. Son percorridos dirixidos a nenos e nenas a partir de 8 anos acompañados de familiares adultos, con visita á exposición e ao Arqueódromo Luis Monteagudo: 7 e 14 de marzo, 11 e 18 de abril, ás 12.00 h. É preciso realizar reserva, a través do correo electrónico.

Reservas e información: arqueodromo.ferrol@gmail.com