
A orixe da localidade das Pontes é incerta, aínda que con seguridade estivo relacionada co paso do río Eume e o camiño que o seu curso marca desde a vila de Lucus Augusti ata a costa atlántica. Sábese que houbo un asentamento romano na zona de Chamoselo, no lugar no que está a ponte máis antiga da vila. A xente adoita chamala “romana”, pero a realidade é que a construción que chegou ata os nosos días é do século XIV.
No casco histórico está a igrexa de Santa María das Pontes, cunha praza aberta diante e un parque de xogos moi próximo. Sabiades que esta é a única localidade de interior de Galicia que celebra por todo o alto a festividade da Virxe do Carme?
A primeira referencia documentada da localidade data de 1063 -nomeando o lugar de Pontes de Eume- aínda que certamente foi na Idade Media cando se consolidou unha poboación de importancia, arredor dun castelo e dentro dunha muralla que marcou o trazado ovalado do casco antigo. Foi determinante o outorgamento da xurisdición sobre estes territorios ao señor García Rodríguez de Valcarce por parte do rei Henrique II no ano 1371.
No casco vello das Pontes pode pescudarse o seu pasado medieval, máis concretamente nas rúas Real, Igrexa e San Xoán, cuxo trazado é consecuencia daquela antiga muralla. Na última está un antigo edificio que probablemente foi hospital de peregrinos. Ao pé da rúa Real está a Ponte dos Ferros, un paso sobre o río Eume anterior á aparición nesta historia do cabaleiro García Rodríguez. En 1902 foi ampliada e asegurada dunha varanda de ferro á que debe o seu nome actual.
Estas rúas e o paseo xunto ao río son moi agradables de camiñar. Na zona está algún dos murais que compoñen o museo ao aire libre “As Pontes en pezas”, formado por máis de 40 obras de diferentes artistas. A que está no casco vello é unha homenaxe aos torneiros pintado por Diego Cereijo nunha fachada lateral do muíño de Severiano. Un lugar no que deterse a falar da importancia deste oficio nas Pontes.
Na web explora.aspontes.org/es/inicio/ podedes atopar información sobre o casco vello, así como acceder a un mapa das obras de «As Pontes en pezas».


