Ferrol está unido a través da súa arquitectura a cidades como Viena ou París e a artistas como Gaudí, Gustav Klimt ou Alphonse Mucha. A cidade forma parte do circuíto europeo do modernismo grazas á figura de Rodolfo Ucha, arquitecto municipal nos primeiros 40 anos do século XX e responsable da introdución nesta esquina noroeste do movemento artístico que triunfaba daquela noutros puntos do continente. A idea era sumar funcionalidade e beleza nas construcións, preocuparse da decoración dos edificios por fóra e por dentro.

O barrio da Magdalena ten 28 edificios de Rodolfo Ucha nos que é posible descubrir as características do tamén coñecido como Art Nouveau. Deles, 17 pertencen propiamente á etapa modernista, de 1909 a 1916, e outros 11 corresponden ao Neo-Eclecticismo, de 1918 a 1927. O que para moitos é coñecido como o “Gaudí galego” exerceu no Concello e tamén no eido privado, polo que é responsable de edificios públicos como a Peixería e tamén de inmobles encargados por particulares como por exemplo a emblemática “Casa Romero”.

A arquitectura modernista é un fantástico gancho para coñecer a cidade de Ferrol, a puxante burguesía que impulsou aquelas innovadoras construcións, a integración de elementos tradicionais como as galerías coas novas correntes… O Concello promociona a ruta turística do modernismo a través de folletos e un mapa interactivo no que están sinaladas as edificacións de Ucha nas dúas etapas. Existe tamén unha unidade didáctica na que se propoñen actividades para facer na aula.

E falando de arquitectura, por que non reflexionar tamén sobre o urbanismo ferrolán? Que outro movemento cultural é responsable do deseño do barrio da Magdalena como unha tableta de chocolate?

Mapa interactivo: visitferrol.com/wp-content/uploads/2021/09/RutaUchaFerrol_dixital_web.pdf
Unidade didáctica sobre o modernismo en Ferrol “O legado de Rodolfo Ucha”: acortar.link/unidadeUcha
Os grupos poden tamén realizar unha visita guiada coa empresa Ferrol Guías: contactar no teléfono 696 531 070 ou a través do mail info@ferrolguias.com