Paseos, fermosas vistas e áreas de lecer para gozar en Neda
Neda é unha vila tranquila e acolledora na que presta, e moito, gozar dunha tranquila xornada ao aire libre. Camiñar polo seu espléndido paseo marítimo ou polo seu fermoso casco histórico; divertirse nalgúns dos parques e áreas de lecer existentes; ou gozar de impresionantes vistas panorámicas que o municipio ofrece desde diferentes localizacións son só algunhas das opcións que nos brinda un concello no que tamén poderemos atopar recursos de valor patrimonial e característicos elementos como os afamados soportais da rúa Real.
Comezamos o percorrido desde as alturas, para divisar desde o coto de Ancos, un dos miradoiros máis impresionantes da comarca, a fermosa estampa da ría de Ferrol. Unha visita obrigada que se pode realizar en vehículo mais tamén a pé.

Outras das rutas moi axeitadas para unha saída escolar polo municipio é a que discorre polo paseo marítimo, con varios parques ao longo dun percorrido moi accesible á beira da ría e que nos permitirá tamén descubrir unha zona húmida de marcado interese ambiental. O parque dos Subarreiros, dotado de xogos, pista polideportiva e piscina municipal, é outro dos puntos de interese.
A zona húmida que atopamos no paseo de Neda é a única situada no interior da ría de Ferrol e resulta un lugar excepcional para a observación de aves.
Un pouco máis afastadas do núcleo da vila atopamos as áreas de Maciñeira ou da Cobeluda, no río Castro, lugares tranquilos en plena natureza nos que desenvolver unha sesión lúdica acompañada dun pícnic pode ser un plan perfecto para unha saída escolar. Animádesvos con algunha destas propostas?
Áreas recreativas e de lecer:
-
Paseo marítimo de Xuvia, con zonas de xogos infantís.
-
Subarreiros, situada xunto á ribeira de San Nicolás. Pista multideportes, barco pirata, circuíto de equilibrio e máis elementos.
-
Maciñeira, no río Belelle.
-
Cobeluda, no río Castro.

