Sabías que a maior parte da serra da Capelada foi unha antiga illa volcánica similar ao arquipélago de Xapón? E que as rochas da contorna da ría de Cedeira eran parte do fondo mariño hai 400 millóns de anos? Ou que os Aguillóns marcan a división entre o Océano Atlántico e o Mar Cantábrico?
Sete concellos da zona compartiron hai case unha ducia de anos un soño que hoxe é unha realidade: poñer en valor a súa riqueza xeolóxica para chegar a constituír un Xeoparque recoñecido pola Unesco no que os centros educativos teñen a posibilidade de se achegar á Xeoloxía pero tamén a unha experiencia vinculada á natureza e ligada ao tecido socioeconómico cun aproveitamento sustentable dos recursos.
Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño suman un territorio de 799 quilómetros cadrados que se configurou hai 350 millóns de anos, como resultado do proceso de Oroxenia Varisca. Este proceso consistiu no choque de dous continentes, Laurussia e Gondwana, que acabaron creando o supercontinente Panxea e que orixinaron a maior cordilleira montañosa que existiu no noso planeta, deixando na superficie na nosa contorna rochas que habitualmente só se encontran a 70 quilómetros de profundidade.
No Xeoparque hai catalogados 52 lugares de interese xeolóxico, polo menos seis con relevancia internacional. Peridotitas, serpentinitas, metavulcanitas, metasedimentos, anfibolitas, granulitas, gneises… son nomes evocadores para os xeólogos, que xa no século XX coincidiron na excepcionalidade deste espazo. Nel atopamos o maior afloramento mundial de ecloxitas -rochas producidas por grandes presións a temperaturas de máis de 800 graos-, a única praia de area negra non volcánica -a de Teixidelo, en Cedeira-, outras con area de cor vermella debido á concentración de partículas de granate e os espeleotemas, que son acumulacións de mineral dentro de covas, como as estalactitas e estalagmitas azuis e verdes que se poden ver no interior das minas de cobre de Cerdido ou Moeche.
Para ir máis alá do que podemos ver con ollos de profano o Xeoparque organiza as xeorutas guiadas, que adoitan ser en períodos vacacionais, pero existe un completo proxecto educativo a disposición dos colexios e institutos con tres unidades didácticas para alumnado de diferentes niveis e obradoiros xeolóxicos así como materiais escolares e didácticos que se poden consultar a través da súa páxina web.
Ademais, o Xeoparque é unha das sedes da fase galega da Olimpíada de Xeoloxía, unha competición anual na que o alumnado de 4º da ESO e Bacharelato compiten para demostrar quen ten máis coñecementos xeolóxicos a través dunha serie de probas.
O coñecemento da excepcionalidade deste territorio é especialmente importante para a poboación dos sete concellos que o compoñen -28.300 habitantes- pero tamén aspira a se converter en todo un referente turístico e de divulgación científica para o resto do mundo. Por iso os esforzos do Xeoparque non se limitan aos aspectos xeolóxicos, senón que tamén se traballa noutros como a natureza, a paisaxe, o patrimonio cultural material e inmaterial ou a gastronomía. Todos estes recursos dos respectivos concellos teñen un paraugas común cos recursos xeolóxicos como nexo.
O primeiro bosquexo de mapa xeolóxico da zona foi obra do enxeñeiro de minas alemán Guillermo Schulz, que no ano 1835 buscaba lugares aptos para a actividade mineira.
Acceso ás unidades didácticas: xestionaxco@gmail.com
Máis información: xeoparquecaboortegal.gal