No emblemático muíño de Xuvia, unha das estampas máis turísticas do concello de Narón, atopamos un novo destino especialmente interesante para as excursións escolares: o Centro de Interpretación dos Muíños de Xuvia (CIMIX).

En novembro do ano pasado abría as súas portas este espazo dedicado a divulgar a historia da Real Fábrica de Fariñas, a máis importante industria do sector en España no século XVIII. Esta historia comeza no 1767, cando chega a Ferrol -que entón era a cidade máis poboada de Galicia- o francés Juan Lestache. De camiño soubo ver as moitas posibilidades que se abrían coa declaración de Departamento Naval do Norte de España e a creación dos Arsenais e puxo en marcha á beira do río Xuvia -primeiro co seu socio Francisco Bucau e máis tarde en solitario- un complexo dedicado á moenda que, ademais de abastecer ás poboacións próximas, axiña chegaría a exportar fariña ao estranxeiro, fundamentalmente a América.

O aumento do número de habitantes xerado coa construción dos Arsenais non só atraeu a Lestache e Bucau, senón a un bo numero de compatriotas seus que tamén se instalaron en Narón, como Santiago Beujardin e Juan Lembeye, artífices do Muíño das Aceñas, ou Mathias Dufoyre, propietario orixinal do edificio no que nacería a Real Fábrica de Fariñas. Tamén se atribúe aos franceses o muíño de vento de San Mateo.

O conxunto do CIMIX abarca os antigos muíños, almacéns de gran e fariña e a vivenda do propio Lestache, na que residía coa súa dona, a nedesa María López, e os seus fillos. A exposición que se pode ver no Centro de Interpretación fai da visita unha experiencia moi didáctica á vez que divertida. Nela atoparemos a maquinaria orixinal dos muíños restaurada, aprenderemos a evolución das técnicas de moenda por medio de maquetas, volveremos ao século XVIII para comprobar unha xornada de traballo nun muíño e achegarémonos á vida de Lestache. Tanto o discurso como o material didáctico resulta de fácil interpretación para todas as idades, xa que o CIMIX conta con diferentes recursos como proxeccións audiovisuais, elementos táctiles e interactivos, xogos e maquetas.

Os centros educativos teñen tamén á súa disposición unha unidade didáctica que se pode descargar da web para preparar a visita ao CIMIX na aula.

O Centro reserva ás visitas de centros educativos as xornadas de xoves e venres de 10:00 a 14:00, cun prezo de 5,50€ por persoa e un máximo de 25 por grupo. A visita guiada ten unha duración aproximada de 45 minutos, pero tamén é posible engadirlle un obradoiro, unha actividade moi recomendable porque permite ampliar os grupos a 50 integrantes e dividilos en dous. Neste caso o prezo é de 7,50€ por persoa e a duración amplíase ata as dúas horas.

Os obradoiros teñen diferentes temáticas segundo as idades: “Do gran ao pan” -apréndese a través de viñetas o proceso de elaboración do pan- , para Infantil; “Repicando” -creación duna réplica dunha moa de muíño en arxila-, para Primaria; “Entre liñas” -investigación para a resolución dun enigma a través das copias das cartas de Lestache- para Secundaria e adultos e “Moe que moe” -realización dun percorrido histórico desde as antigas civilizacións ata a época industrial- para todas as etapas. A duración é de dúas horas e a capacidade máxima por taller de 50 persoas.

Ademais, pódese realizar o escape room “Fariña en marcha”, co reto de abastecer de fariña á comarca de Trasancos escollendo un personaxe e resolvendo diferentes incógnitas. Esta actividade ten un prezo de 7€ cunha idade mínima de 8 anos e a duración aproximada é de unha hora.

Muíño O CIMIX O CIMIX O CIMIX

 

 

 

 

 

 

 

O CIMIX

 

Horario:
Xoves de 10:00 a 14:00
Venres, sábados e domingos: de 10.00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30
(para grupos escolares só xoves e venres de 10:00 a 14:00)

Formulario de reserva: cimixnaron.gal/es/didactica/
Aldea San Roque, 8 (Narón)
Tel.: 624 596 226 info@cimixnaron.gal