Arrodeado de verde, en pleno corazón das Fragas do Eume, atópase unha das xoias arquitectónicas da comarca: o mosteiro de Santa María de Monfero, declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1941. A súa espectacular fachada barroca, que lembra un taboleiro de xadrez, dá paso a un edificio moito máis antigo, xa que se construíu sobre a vella igrexa de Santa María no 1147.

Aínda que perviven algúns vestixios románicos, o mosteiro foi reedificado a partir do século XVII e moitos dos seus elementos máis destacados, como a gran bóveda de canón e a cúpula octogonal que despertan a admiración de quen o visita, pertencen ao XVIII.

A historia do mosteiro é tamén a historia do poder da Igrexa e do feudalismo. O cultivo das terras e as rendas sobre os bens que foron adquirindo os monxes cistercienses fixeron medrar a abadía, pero esta expansión deu orixe a un enfrontamento cos señores feudais polo dominio das terras, que mesmo requiriu a intervención real e do que saíron triunfantes os monxes.

É moi recomendable achegarse a coñecer a ponte do Dez, a de San Paio e a de Lambruxo, todas de orixe medieval e dun só arco, situadas nunhas paisaxes marabillosas. As pequenas ermidas son outro dos atractivos deste concello, no que abundan ademais os petróglifos.

Despois duns séculos de esplendor, no XVI e o XVII chegaron as protestas do campesiñado, que se negaba a pagar as rendas ao mosteiro, e a invasión francesa e as vicisitudes da política española desembocaron no final de Monfero como mosteiro cisterciense no 1820. O seu declive foi rápido, vítima do abandono e da rapina.

Todo o interior do mosteiro chama a atención, pero seguramente espertarán a curiosidade dos escolares os sepulcros de Nuño Freire de Andrade “O Mao”, contra o que se organizou a I Revolta Irmandiña, de Aras Pardo, Fernán Pérez de Andrade “O Mozo” e Diego de Andrade. As esculturas en pedra destes cabaleiros, algúns inmortalizados coas súas espadas e os animais dos seus escudos, son unha parte moi interesante da visita.

No verán e épocas vacacionais son moi recomendables os percorridos guiados e os concertos que se celebran dentro do cenobio. No exterior pódense admirar vellos e impresionantes castiñeiros e restos do que foron os xardíns do mosteiro.