O Camiño Inglés adéntrase no concello de Fene no lugar de Conces de Arriba, desde onde emprendemos unha ruta que, nos seus primeiros compases, brinda ao camiñante unha fermosa estampa do Fene naval, sector ao que está fortemente vinculado o municipio.
Baixo o paraugas da factoría Astano (actualmente Navantia Fene), que chegou a ser un dos principais estaleiros a nivel mundial, tivo lugar o crecemento dunha poboación local, testemuña anos máis tarde da reconversión do sector.
A emblemática grúa pórtico da factoría fenesa, visible desde diferentes localizacións ao longo do camiño, convértese nun dos elementos máis simbólicos dun treito no que a zona urbana, na que nos atopamos con interesantes recursos como o Museo do Humor de Fene ou o Parque Castelao, abre paso a unha máis rural que nos somerxe no Fene máis pausado e natural.
O percorrido polo treito fenés do Camiño Inglés permitirá aos escolares compartir unha xornada tranquila na que gozar de fermosas panorámicas da ría ferrolá e, de paso, achegarse á importancia da industria naval na vila.
A Fonte do Camiño, o Banco Peregrino e o Lavadoiro de Mundín van recibindo ao camiñante nun percorrido que continúa ata o polígono Vilar do Colo ao longo do cal podemos divisar o enorme guindastre da factoría naval.
Unha vila cuxa visita permitirá aos escolares, entre outras moitas cousas, enchouparse da historia dun pobo acolledor e cheo de vida no que o camiñar pode ir acompañado dunha auténtica lección de historia, dun pasado e un presente vinculado á industria naval e ás xentes do mar.



Máis información:
Camiño de Santiago: www.caminoingles.gal/es/concello-de-fene
Concellería de Turismo: Praza do Alcalde Ramón José Souto González, s/n. Fene
Teléfono: 981 49 27 07
E-mail: turismo@fene.gal