O Concello de Neda dá a benvida aos peregrinos tras cruzar a Ponte de Xuvia. O percorrido do Camiño Inglés por este municipio, que desde hai máis de vinte anos conta co seu propio albergue, resulta unha experiencia moi axeitada para una saída escolar tanto pola accesibilidade do treito como polos seus atractivos recursos.

Nos primeiros metros da ruta atopámonos coa escultura dedicada ao pan, produto estrela da vila. O paseo lévanos, logo dun tramo pola estrada xeral, ata a igrexa de Santa María e o parque situado ao seu carón, desde o que, a través dunha pasarela, atravesamos o río Belelle para adentrarnos no casco histórico.

Torre do Reloxo.

A rúa Real, a continuación, convértese nun escenario perfecto para viaxar ao pasado e imaxinar a  actividade no antigo hospital do Espírito Santo que, fundado en 1500, acollía aos peregrinos que se desprazaban a Compostela. A el pertencía a Torre do Reloxo, que hoxe en día loce en todo o seu esplendor como un dos elementos máis representativos da vila. De igual xeito, os característicos soportais que se suceden ao longo da vía imprimen carácter e achegan a postal máis pintoresca do conxunto histórico dun municipio que desde 1311 é Real Vila.

Alfonso XI concedeu a Neda a distinción de Real Vila no 1344 polo papel do veciño Alonso Escudero ao mando dun barco construído no municipio na reconquista de Alxeciras.

Igrexa de San Nicolás

 

Ao final da rúa, desviámonos uns metros do itinerario para achegarnos ata a igrexa de San Nicolás, en cuxo adro atopamos un dos cruceiros máis antigos de Galicia e, desde hai uns anos, tamén unha curiosa escultura coa figura dun peregrino tallada sobre o tronco dunha árbore. Na parte final do Camiño Inglés por Neda, poderemos gozar das marabillosas vistas desde o lugar da Silva.

 

 

 

Albergue de Peregrinos: www.caminodesantiago.gal/es/recurso/-/recurso/280380558/

Máis información: www.caminoingles.gal/es/concello-de-neda