

Entre as moitas razóns que xustifican unha saída escolar polo treito naronés do Camiño Inglés, hai unha que ten especial valor simbólico: o fito de pedra que marca os 100 quilómetros que faltan a Compostela, distancia mínima esixida no itinerario a pé para poder acadar a credencial.

O sinal está situado no paseo marítimo de Xuvia, unha agradable e ampla zona de lecer que supón o tramo final da ruta xacobea en territorio naronés. O percorrido xacobeo por este municipio comeza, porén, uns quilómetros atrás, no polígono industrial da Gándara. Un paseo que avanza paralelo á enseada do mesmo nome vainos conducindo ata o que será o noso próximo punto de interese nesta ruta: o Mosteiro de San Martiño de Xuvia, coñecido tamén como mosteiro do Couto. Testemuña histórica do paso dos camiñantes cara a Compostela ao longo da historia, está declarado BIC baixo a categoría de Monumento Histórico Artístico.
Por diante nos quedarán aínda varios puntos de interese. Un deles, o muíño das Aceas, formou parte da importante rede de moenda industrial francesa no século XVIII. O de Xuvia, pola súa banda, que a comezos do século XIX se transformou na principal acea do país en capacidade de produción, alberga na actualidade o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia. Xusto antes de chegar a este interesante recurso, no final do paseo marítimo atoparemos unha árbore con moita sona: o magnolio centenario que forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.
O paseo marítimo de Xuvia ten unha ampla zona de xogos moi atractiva para os nenos e nenas que inclúe -cando chega o bo tempo- un parque de auga.

Mosteiro San Martiño de Xuvia (Mosteiro do Couto):turismo.naron.gal/es/conoce-naron/que-visitar/espacios-naturales/monasterio-de-o-couto
Camiño Inglés: turismo.naron.gal/es/conoce-naron/que-visitar/espacios-naturales/caminoingles-
Paseo Marítimo de Xuvia: turismo.naron.gal/es/conoce-naron/que-visitar/espacios-naturales/paseo-maritimo-de-xuvia
Magnolio Centenario de Xuvia:turismo.naron.gal/es/conoce-naron/que-visitar/espacios-naturales/magnolio-centenario-de-xuvia
Máis información: turismo.narón.gal | turismo@naron.gal | Teléfono 981 33 77 00 (Ext. 1502)