Camiño Inglés por Ferrol: Arquitectura e industria na Primeira Milla do Camiño
O Camiño Inglés goza cada ano de maior prestixio e interese. O número de peregrinos que elixen Ferrol como punto de partida para iniciar o percorrido non para de medrar. Chegan de moitos países, algúns tan distantes como Taiwán o Papúa Nueva Guinea. E é que a ruta xacobea, ao seu paso polos municipios da comarca, ten moito que ofrecer. Tanto aos visitantes como aos da “casa”, porque desde o coñecemento do máis próximo e local, entenderemos mellor o mundo que nos rodea.
O percorrido pola Primeira Milla do Camiño Inglés permite apreciar máis dunha vintena de puntos de interese que poñen en valor a importancia patrimonial e arquitectónica da cidade naval.
Unha saída polo treito ferrolán permite aos escolares viaxar pola evolución da cidade naval, desde o mariñeiro Ferrol Vello, para continuar polo trazado ilustrado da Magdalena e polos barrios de orixe obreira de Esteiro e Caranza. Xa só na Primeira Milla do Camiño Inglés, desde o Porto de Curuxeiras -punto de inicio do Camiño- e a Igrexa das Angustias, máis dunha vintena de puntos dan boa conta da importancia arquitectónica e patrimonial.
Atopamos así edificios modernistas como o Chalet de Antón ou a Casa Rodríguez Trigo, obra de Ucha; a igrexa castrense de San Francisco; a Fonte de San Roque; o edificio do Casino Ferrolano; ou o Antigo Goberno Militar, un dos edificios máis antigos da cidade e actualmente sede da Fundación Abanca.
O percorrido segue avanzando de xeito paralelo ás instalacións militares navais e do estaleiro de Navantia para adentrarnos en Caranza. Na súa acolledora praia poñemos punto e final á nosa andaina.

Primeira milla do Camiño Inglés: ferrolguias.com/portfolio/primera-milla-del-camino-ingles/
Información: Oficina de Turismo. Via Compostellam Ferrol. Teléfono: 981 944 252
ferrolturismo@ferrol.es | visitferrol.com/ruta-de-camino-ingles/