Coa chegada dun novo curso está aquí tamén outra edición da revista DeExcursión, unha publicación que a axencia Pingota Comunicación edita ano a ano desde 2016 con ideas e información para a organización de saídas didácticas polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A revista conta este ano coa colaboración dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, San Sadurnió, Moeche e Cedeira, así como da Deputación da Coruña e a asociación Val de Esmelle.

 

DeExcursión edítase en papel e chega a todos os centros Educativos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP da provincia da Coruña e dos concellos da Mariña Lucense. E o proxecto segue a latexar durante o curso a través desta web, na que imos publicando diferentes rutas e propostas, ao tempo que mantemos actualizada unha axenda de ocio familiar coas actividades dirixidas á cativada nos concellos colaboradores.

 

A  viaxe é un estímulo per se, unha ocasión para pasalo ben cos compañeiros e compañeiras, pero tamén un recurso poderoso no proceso de aprendizaxe. Nas páxinas da revista poderedes atopar un completo catálogo de espazos naturais, museos, enclaves históricos e todo un amplo conxunto de destinos dentro das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal moi acaídos para iso. De seguro que o profesorado atopa recursos para apoiar o traballo que fai no interior da aula, ben sexa nunha saída dunha mañá ou dunha xornada, ou ben a través de convivencias máis longas.

 

En ocasións, o máis próximo é descoñecido. DeExcursión quere contribuír á descuberta dos recursos do propio concello e dos que están máis próximos, a maioría a moi pouco tempo en autobús e moitos deles co aliciente de poder contar con persoas que farán de guías e acompañarán ao grupo. Na publicación hai información de cada saída proposta, teléfonos de contacto e referencias onde procurar máis datos.

 

DESCARGA AQUÍ A REVISTA

VISITA A NOSA AXENDA DE OCIO FAMILIAR