O casco vello das Pontes de García Rodríguez invita a dar un paseo no que indagar os vestixios do pasado medieval da vila, ao tempo que descubrimos pegadas de modernidade, entre elas as pinturas que conforman o proxecto “As Pontes en pezas”.
Na web explora.aspontes.org hai un plano cunha proposta de percorrido pola historia da vila que comeza pola ponte romana, cuxa orixe estaría no século XIV, e continúa pola dos Ferros, que data do XV pero que foi así alcumado pola reforma que en 1902 o dotou dunhas varandas metálicas. Cómpre achegarse ao casco histórico, con varias rúas que conservan o trazado medieval.
Ao tempo que imos descubrindo a historia do pobo convén pescudar nas paredes as obras de arte que forman parte do proxecto «As Pontes en pezas». É unha iniciativa na que participaron tanto veciños e veciñas da localidade como artistas de renome que, con diferentes estilos e técnicas, inzaron As Pontes de murais cheos de cor e vida. Neles podemos descubrir lendas, historias, personaxes e oficios propios da vila. Máis de 40 “pezas” compoñen este museo ao aire libre.
Quen era García Rodríguez? O cabaleiro García Rodríguez de Valcarce e Balboa recibiu do rei Enrique II a vila das Pontes en 1371, un agasallo polos servizos prestados nas súas batallas contra Pedro I. Podedes buscar o seu retrato, con armadura e casco, na galería de “As Pontes en pezas”
Paseo pola historia:
explora.aspontes.org/es/descubre-nuestros-origenes#1719336432632
Mapa de As Pontes en Pezas:
explora.aspontes.org/es/murales-de-as-pontes#