Cedeira ten unhas fantásticas condicións para organizar unha xornada de convivencia ao aire libre, xa que dispón dun espazo enorme separado do tráfico, con zonas de sol e de sombra, randeeiras, fonte para beber, baños públicos e cunha praia longa e calma, a da Madalena, xusto ao lado.

Agora que está próximo o remate do curso, son moitos os centros educativos que organizan unha xornada de convivencia, na que o alumnado poida xogar nun espazo seguro, compartir bocata e tamén, aprender algunha cousa…. O parque de San Isidro de Cedeira, situado ao longo do Camiño Real e do areal, é un espazo moi axeitado para unha excursión deste tipo. Conta con varias zonas de xogos para diferentes idades; unha corda tirolesa de 28 metros de percorrido, un skate bowl, un parque de calistenia, amplias zonas de céspede e tamén unha parte pavimentada con bancadas, perfecta para organizar algunha actuación.

Desde o parque San Isidro, que está afastado do tráfico e ten servizos públicos, é doado chegar camiñando ao casco vello da vila, cruzando pola pasarela peonil e a ponte sobre o río Condomiñas, para pasear polas estreitas rúas de trazado medieval nas que se levantan algunhas casas señoriais.

Ficade atentos ás obras de street art que habitan nas rúas de Cedeira!

Cómpre deterse na praza do Concello e contemplar o mural de cerámica no que se conta a lenda do cabaleiro Lanzarote do Lago, o mítico Lancelot da corte do rei Arturo. En internet podedes atopar moitas referencias a esta historia, baseada nun manuscrito que existe na Biblioteca Nacional e que di o seguinte: «Los de Lago son hidalgos muy principales en el reino de Galicia donde tienen su casa y solar hacia Cedeira. El linaje desciende de un extranjero que vino allá a parar, y se dice que fue el Conde de Lanzarote cuando vino de Bretania y pobló en el puerto de Cedeira». Un mural cerámico situado a carón do Concello lembra esta vinculación entre Cedeira e o cabaleiro.

Tamén no casco urbano, é interesante achegarse ao edificio do Palacete Municipal, que ademais da Oficina de Turismo acolle unha exposición permanente da Colección Rafael Usero, unha escolma de obxectos ligados á historia da localidade entre os que destacan os machados prehistóricos.

Máis info: turismo.cedeira.gal
Ruta das portas polo casco vello: turismo.cedeira.gal/conece-cedeira/ruta-das-portas

Outras excursións en Cedeira:

-a vida mariñeira: https://www.deexcursion.net/2025/04/03/vida-marineira-cedeira/

-de aventura por Cedeira: https://www.deexcursion.net/2024/10/01/aventura-cedeira/

-unha viaxe pola historia: https://www.deexcursion.net/2024/12/02/sarridal-en-cedeira-unha-viaxe-pola-historia/