Ademais dos terreos da Cortiña, dos que temos falado noutro post, San Sadurniño conta con outro interesante espazo moi axeitado para visitas escolares: a área recreativa dos Currás, perfecta para gozar do bo tempo. Nela pódense practicar diferentes deportes, e desde mediados de xuño ata principios de setembro funciona tamén unha piscina que conta cun elevador para persoas con mobilidade reducida que poidan ter problemas para entrar ou saír do vaso.

A área recreativa dispón ademais de mesas e lareiras para organizar un xantar ao aire libre.

Por outra banda, o castelo de Naraío é un dos principais valores patrimoniais do concello. Situado nun penedo de 30 metros de altura, constitúe un dos mellores exemplos de arquitectura medieval. Na visita é posible subir ata a torre da homenaxe, de 16 metros, desde onde se divisa unha espectacular panorámica. Arredor desta fortaleza, o Concello vén de introducir no proxecto Terra de Vida percorridos guiados orientados ao alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato.

O percorrido inclúe paradas na igrexa de Naraío, a fonte de San Roque e a ponte da Ferraría, onde aínda se conserva o porco bravo que, xunto co oso, é un dos animais totémicos dos Andrade. Aínda que o itinerario «oficial» é máis longo, a ruta para estudantes ten 2,6 quilómetros e existe a posibilidade de facer o percorrido a pé para gozar dun xeito máis inmersivo da paisaxe deste lugar.

Na contorna do castelo destaca a Fervenza do Río Castro, unha impresionante caída natural de auga de arredor de oito metros de altura cunha poza na súa base. É posible bañarse na poza ao pé da fervenza, aínda que se recomenda ter precaución.

 

A piscina está aberta a partir de mediados de xuño para baños libres de luns a venres en horario de 15:00 a 21:00 e os sábados, domingos e festivos de 12:00 a 21:00
Reservas para as rutas guiadas ao castelo: info@rexenerando.com / Tel. 604 033 515
Prezo: 5€ por persoa para o alumnado / 10€ para grupos de persoas adultas.
Folleto de sendeirismo pola ruta do Río Aceiteiro descargable neste enlace:
sansadurnino.gal/wp-content/uploads/2016/05/1281009268556.pdf e a do Río Castro neste outro:
sansadurnino.gal/wp-content/uploads/2016/05/folleto_rio_castro.pdf