Vixías do mar, axuda para navegantes, testemuñas de naufraxios e perfectas atalaias desde as que divisar a inmensidade do mar. Ata nove faros alumean a costa desde Ferrol a Ribadeo. Son os que dependen da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e todos se atopan en lugares de extraordinaria beleza nos que poder gozar de enriquecedoras saídas escolares que contribúan a poñer en valor estes elementos tan relevantes para as xentes do mar.
Comezamos o noso particular camiño “fareiro” en Cabo Prioriño, acendido por primeira vez hai 170 anos, para continuar polo Cabo Prior, localizado noutro dos lugares máxicos e emblemáticos da costa ferrolá. En Valdoviño atopamos o faro Punta Frouxeira, o máis xove dos que xestiona a Autoridade Portuaria e que este ano cumpre 30 anos desde a súa posta en funcionamento. En 2012 converteuse no primeiro faro de gran alcance de España, igual ou superior a 20 millas náuticas, en funcionar cunha lámpada LED, un proxecto pioneiro que abriu camiño a este tipo de iluminación para o seu uso en faros. Isto supuxo un avance medioambiental polo aforro de consumo e a non emisión de gases de combustión dos grupos electróxenos.
Continuamos a ruta polos faros de Punta Candieira (Cedeira), Cabo Ortegal (Cariño) e Estaca de Bares (Mañón) -o máis setentrional de toda a península- para xa na Mariña Lucense visitar os de Punta Roncadoira (Xove), Punta Atalaya (Cervo) e Illa Pancha (Ribadeo). Neste tramo polo norte galego, resulta tamén de especial interese a Punta Socastro, coñecida como O Fuciño do Porco.
O funcionamento dos faros con lámpadas LED supuxo un avance medioambiental polo aforro de consumo e a non emisión de gases de combustión
Porto de Ferrol: www.apfsc.com/puerto-de-ferrol/presentacion-y-ubicacion-geografica
Faros: www.apfsc.com/puerto-de-ferrol/ayudas-a-la-navegacion/faros
Porto e cidade: www.apfsc.com/puerto-y-ciudad/turismo
- Cabo Prior
- Faro Prior
- Estaca de Bares
- Cabo Prioriño
- Punta Frouxeira