Cedeira é destino perfecto para mergullarse no mundo mariñeiro, e o seu Museo Mares é clave para descubrir o pasado e o presente da pesca e o marisqueo na localidade, a actividade que marca a economía e a vida cotiá do pobo.
O Mares coida moito aos grupos escolares e adáptase ás idades e intereses. Os centros poden concertar a visita guiada pola exposición, de ata unha hora, para aprender os nós mariñeiros, coñecer como funcionan as mareas, achegarse ao traballo das redeiras ou participar nun xogo sobre as artes de pesca. Para grupos de secundaria e bacharelato, especificamente, teñen retos máis ambiciosos: interpretar unha carta náutica ou empregar o sextante. En moitas ocasións, despois do obradoiro, o museo propón algunha manualidade e a cativada leva para casa o seu traballo.
O Museo Mares garda unha mensaxe nunha botella! Investigade esta curiosa historia!
Moitos coles adoitan completar a excursión coa visita á Confraría de Cedeira, que se prolonga durante algo máis de media hora. É difícil coincidir coas poxas -a de marisco faise ás 15.30 e a de peixe ás 19.30h-, pero os grupos gustan moito de ver como chegan e se descargan os grandes barcos pesqueiros e fican sempre atentos ás explicacións sobre como funciona a lonxa, a depuradora, que especies se traballan…
Tamén a Cruz Vermella, que ten alí mesmo a súa base, está a espertar grande interese dos grupos escolares ultimamente. Os voluntarios da entidade, sempre que as circunstancias o permiten, fan as delicias dos pequenos poñéndolles o chaleco salvavidas, amosándolles a padiola, as luces de emerxencia e mesmo a súa lancha de rescate.
Museo Mares:
Prezo: de balde para menores de 7 anos; 1€ de 7 a 10 anos e 2€ para maiores de 10
Horario de inverno (1 de outubro a 31 de maio): de martes a domingo, de 10.30 a 13.00h
Horario de verán (1 de xuño a 30 de setembro): de mércores a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00h. O propio museo facilita o contacto e a coordinación coa Cruz Vermella ou a Confraría.
Contacto da confraría para visitas á lonxa: confrariacedeira@confrariacedeira.es /981 480 389
- No museo
- A pé do peirao
- Na lonxa
- Nun obradoiro do museo