O xardín didáctico Aquaciencia recuperará a partir do próximo verán o espírito co que naceu. Despois de anos sen actividade, o Concello de Ferrol decidiu reparar os elementos que explican, nestas instalacións situadas no parque municipal Raíña Sofía, os diferentes usos da auga a través de máis dunha vintena de enxeños diferentes. Recentemente se anunciou un investimento de máis de 130.000 euros para poñer ao día a instalacións, pechadas desde o ano 2020, tal como informou a prensa local.

Así, a rapazada que se achegue a partir do vindeiro curso a Aquaciencia poderá ver como funcionan un reloxo de auga, un muíño, un ariete hidráulico, unha central hidroeléctrica, o depósito de Torricelli ou o parafuso de Arquímedes, entre outras aplicacións, todo nun espazo totalmente renovado e con percorridos para todas as idades.

Aquaciencia sitúase na principal área verde do centro da cidade, un espazo con moi diferentes especies arbóreas, unha praza para xogar, patinar ou andar en bici e elementos arquitectónicos destacados como unha das fontes Wallace premiadas na Exposición Universal de París no 1889. Sorprenderá atopar pavos reais que viven e crían en liberdade neste parque e que constitúen un dos seus principais atractivos.