A parroquia ferrolá de Esmelle está chea de sorpresas. Para empezar, é de destacar a súa bulideira veciñanza, que ademais de estar todo o ano organizando festas e outras moitas actividades, foi quen de emprender no 2003 un proxecto de recuperación do patrimonio etnográfico da zona que ten recibido innumerables premios e recoñecementos nacionais e internacionais. Os homes e as mulleres “esmudienses” puxéronse mans á obra e restauraron os antigos muíños e o bosque autóctono, dentro dun proxecto moito máis amplo no que as visitas escolares teñen un espazo moi destacado.

No proxecto están definidas e sinalizadas tres rutas para facer a pé ou en bicicleta nas que descubriremos elementos da arraigada cultura da auga que ten este val inzado de regatos, e tamén un mundo de fantasía inspirado na obra de Álvaro Cunqueiro “Merlín e familia”. O escritor mindoniense falou da “selva de Esmelle” naquela novela, e a parroquia ferrolá invitou aos seus personaxes a vivir nela. O ceramista Pérez Porto creou unha estatua do mago Merlín e outras pezas para poboar esta singular “selva”, profundando nunha relación que levou, no ano 2022, a inaugurar alí un museo coas súas propias obras no que tamén pode concertarse unha visita.

Na organización dunha saída a Esmelle, é toda unha garantía o feito de que sempre hai alguén da asociación de veciños que vai acompañar ao grupo e contarlle cousas do patrimonio e da vida cotiá nesta parroquia. O local social e a súa pista polideportiva son aproveitados polos grupos para facer algún xogo ao rematar ou ben para tomar a merenda, a cuberto se chove.

O proxecto Esmelle ten unha unidade didáctica para traballar na aula sobre os muíños. Hai que solicitala no correo avvvalledeesmelle@gmail.com

Esmelle conta cun centro BTT no que se poden alugar bicicletas:
cbttvalledeesmelle@gmail.com / Teléfono 629 368 114
Descarga do folleto coas rutas sendeiristas e máis información:
avvvalledeesmelle.wixsite.com/esmelle
Ruta dos Sentidos: 3km, dúas horas (ida e volta), dificultade baixa.
Ruta dos Muíños: 6km, entre dúas e tres horas (ida e volta), dificultade baixa.
Ruta da Poza da Lagoa: 3km, dúas horas, dificultade baixa.