No século XVIII, Narón foi un enclave puxante no que se desenvolvía unha importante actividade de moenda concibida desde o punto de vista empresarial e que se debeu ao labor de industriais franceses asentados na zona.
Juan Lestache foi un deles, o máis destacado na súa época e o impulsor -nun primeiro momento co seu socio Francisco Bucau- do principal complexo industrial de fariñas da península, que contaba con Licenza Real para subministrar cereais a todo o territorio español.
Os edificios que constituían a Real Fábrica de Fariñas foron rehabilitados polo Concello de Narón para crear o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX). Neles distribúense o centro de recepción de visitantes, o espazo dedicado a Lestache e o seu proxecto empresarial, os propios muíños e unha zona de exposicións e didáctica.
A Sala dos Muíños é o eixe central do CIMIX e conserva as estruturas de dous muíños orixinais en funcionamento e outros dous de menor tamaño.
Os muíños son unha parte fundamental do patrimonio de Narón. Xunto aos que aproveitaban a forza da auga do río Xuvia, houbo outros de vento en San Mateo e Freixeiro -os maiores da súa clase en toda España- e un máis, o das Aceas, que aproveitaba as mareas para o seu funcionamento. Na páxina web do Concello pódese descargar o mapa dunha ruta que percorre os principais muíños xunto con outros elementos patrimoniais destacables do municipio e que remata na Área Recreativa de Pedroso.
O Concello dispón dunhas fichas explicativas da historia dos muíños de Xuvia que se acompañan de diferentes actividades para o alumnado.
Contacto: Concello de Narón 981 337 700 (extensión 1502)
turismo@naron.gal
Web: turismonaron.gal
Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia: https://cimix.gal/Horario de apertura do CIMIX: Xoves. De 10:00 a 14:00 horas. | Venres, sábados e domingos. De 10:00 a 14:00 horas e de 16.30 a 20.30 horas.
Pechado: 24, 25 e 31 de decembro e 1 e o 6 de xaneiro.Recentemente, o CIMIX publicou a oferta de obradoiros para o público familiar:
«Do gran ao pan»
«Moe que moe»
«Repicando»
«Entre liñas»