Quen imaxine polo seu nome que o castelo de San Felipe é unha fortaleza con ameas e torres quedará desenganado coa visita. Nada ten que ver esta fortificación coas da Casa dos Andrade que inzan a comarca, porque non residiu en San Felipe ningún señor feudal, senón que foi, desde o principio, unha construción de carácter militar con baluartes e canóns apuntando á ría.

O castelo orixinal de San Felipe data do século XVI pero o que hoxe coñecemos é froito das modificacións realizadas no XVIII, na mesma época na que Ferrol pasou a ser un lugar estratéxico para a Coroa desde o punto de vista militar e na que se planificaron tanto o Arsenal como o propio barrio da Magdalena. É, pois, un elemento singular e moi representativo da cidade.

O castelo de San Felipe defendía a ría de Ferrol xunto con outras dúas construcións: o castelo da Palma -de similares características arquitectónicas e que continúa presidindo xunto con San Felipe a entrada por mar- e o de San Martiño, xa desaparecido. Se a marea está baixa pódese ver na parte que dá á ría a antiga áncora que suxeitaba a grosa cadea de madeira que unía San Felipe e San Martiño, para evitar a entrada dos barcos inimigos.

O último elemento rehabilitado dentro da fortaleza foi a torre da batería baixa, unha construción do século XIX que hoxe alberga unha mostra permanente sobre as defensas da ría e outra sobre a propia arquitectura do castelo. Ademais, noutro dos edificios pódese visitar a dedicada á batalla de Brión, que convive con diferentes exposicións temporais, a última delas “Galicia monumental”, que recreaba edificios históricos galegos con pezas de Exin Castillos.

Horario:
Inverno: De 10:00 a 18:00h.
Verán: (hasta o 15 de setembro) De 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h.
Entrada libre e gratuíta. Espazo de aparcamento
Pódese reservar unha visita guiada en ferrolguias.com
Hai un servizo de lancha da empresa Fernández Cabana en temporadas vacacionais (consultar en info@fernandezcabana.es ou no teléfono 677438621).
Folleto dispoñible para descarga en:
https://visitferrol.com/wp-content/uploads/2022/10/tripticos-San-Felipe-CAST.pdf