O primeiro que hai que saber se se quere facer un percorrido polas baterías da costa ferrolá é que o desprazamento entre unhas e outras precisa en moitos casos de vehículo. Foron construídas para defender a totalidade da ría, polo que se estenden ao longo duns 30 quilómetros de costa.

En Ferrol existen cinco baterías bastante accesibles para descubrir. Son as de Doniños, Prioriño Chico, Punta das Viñas, Cariño, San Cristobo e San Carlos. Este recurso de indubidable valor turístico aínda está practicamente virxe, de maneira que o que pode atopar o visitante na actualidade son os restos destas defensas que tiveron un uso militar ata o século pasado.

O traxecto máis axeitado para unha excursión escolar é a ruta que parte do castelo de San Felipe e percorre as baterías de Cariño e San Cristobo, que si se pode facer a pé. Aínda que son 8 quilómetros ida e volta é posible acceder co vehículo se non se quere completar todo o camiño.

Menos aconsellable é achegarse con menores ás outras tres baterías, as máis modernas de Prioriño, Prior e Monte Ventoso, que teñen grandes buratos onde se instalaban os canóns e túneles e ofrecen certo perigo.

Se vai bo tempo pódese completar a xornada cunha visita ás praias de Doniños ou San Xurxo, dous areais que teñen arredor de dous quilómetros cada un e que gozan dunha indubidable beleza. Contan, ademais, con bandeira azul -o mesmo que Esmelle e A Fragata, en Covas- e son referentes imprescindibles para o verán na comarca.

Para percorrer as baterías é importante levar calzado cómodo, xa que a mellor forma de descubrilas é camiñando entre elas

Máis información sobre as baterías de costa:
www.observersciencetourism.com/es/destino/baterias-militares-de-ferrol-a-coruna