O muralismo concibido como arte urbano é un movemento cultural en alza que podemos atopar hoxe en día en diferentes lugares, con distintos propósitos. Pero o caso de Canido ten moito de especial: primeiro por ser un barrio pioneiro nesta rama artística, e segundo porque o movemento que xurdiu en Ferrol da man de Eduardo Hermida transcendeu o meramente pictórico para se converter nun evento que cita cada ano a multitude de público e moitos artistas nacionais e internacionais.

As Meninas de Canido naceron dunha primeira pintura para mellorar un edificio en ruínas, medraron alentadas polas reivindicacións para conseguir un barrio mellor e acabaron por facer de Canido un espazo caracterizado polas súas fachadas decoradas con máis de 500 meninas de todo tipo e condición, pero tamén por un certo espírito bohemio e artístico que xa é o seu sinal de identidade.

Percorrer as diferentes pinturas co promotor das Meninas, Eduardo Hermida, como guía é unha oportunidade única que permite -en función das idades- explicar o cadro de Velázquez como referente destes murais, falar das intervencións artísticas nas cidades ou mesmo tocar os temas que inspiran boa parte das creacións presentes en Canido, desde a ecoloxía ao feminismo, a solidariedade ou a liberdade sexual.

As Meninas foron recoñecidas como Itinerario Impresionista de Street Art polo Consello de Europa, e cada ano, na primeira semana de setembro, celébrase un festival no que se suman novas pinturas ás xa existentes e que fai de Canido un punto de encontro cultural.

Para o alumnado de máis idade é recomendable o documental “Bienvenido, Mr. Banksy”
Reservas para as visitas guiadas: meninasdecanido2008@gmail.com
Pódese descargar un folleto informativo con mapa en
visitferrol.com/wp-content/uploads/2022/04/FOLLETO-MENINAS.-OP2.pdf