No edificio que cumpría as funcións de cárcere militar dentro do Arsenal no século XVIII, a antiga prisión de San Campio, ten a súa sede o Museo Naval, un espazo no que coñecer os vínculos entre a Armada e Ferrol e a propia historia da Mariña de Guerra.

O museo mostra obxectos ben diferentes, desde os relacionados coa tecnoloxía militar ou o armamento ata uniformes, reproducións a escala de diferentes embarcacións ou recreacións de como eran os barcos que facían a ruta do Galeón de Manila -que unía os continentes de Europa, Asia, América- ou as cociñas e as enfermarías dos barcos de hai 300 anos.

Son máis de 2.600 pezas as que conforman este museo, que naceu para expoñer o cargamento e avituallamento da fragata Magdalena, afundida nas costas de Viveiro en 1810 e cuxos restos se mostran no veciño Museo da Construción Naval.

Sabías que a vexiloloxía é o estudo das bandeiras? No Museo Naval atopamos un espazo dedicado ás bandeiras do século XX

Aos escolares chamaralles a atención a enorme cantidade de áncoras de diferentes épocas e procedencias que se poden ver no Museo Naval -considerada a mellor colección do mundo- o mesmo que os mascaróns de proa que reproducen santos, animais mitolóxicos e moitas outras figuras empregadas no seu día como elementos distintivos dos buques e tamén como “amuletos” para dar boa sorte na navegación. Outra sala moi interesante é a dedicada ás últimas posesións coloniais españolas en Ultramar.

 

Horario: de martes a venres, de 09.30 a 13.30h.
Acceso libre.
Tenda de recordos.