Da man da construción naval e da Armada, Ferrol pasou de ser unha vila con arredor dun cento de veciños a se converter na terceira cidade de Galicia nas primeiras décadas do século XX. O cambio, que determinaría para sempre a evolución da urbe, comezou a fraguarse no século XVIII, cando a Coroa decidiu a instalación dos Reais Estaleiros e do Arsenal na ría de Ferrol.
O Ferrol actual non se entende sen a época da Ilustración, da que datan o seu urbanismo, coas rúas en forma de pastilla de chocolate do barrio da Magdalena, e os edificios militares que continúan funcionando como tales case tres séculos despois.
Moitos estudantes terán familia traballando no Arsenal ou en Navantia. Realizar estes percorridos é especialmente interesante porque non se poden visitar libremente
Nesta ruta pódese coñecer o interior do Arsenal, que é como unha pequena cidade dentro de Ferrol onde teñen a súa base as fragatas F-100, e o estaleiro Navantia, onde se constrúen os máis modernos buques militares. O Cuartel de Dolores, o máis antigo de España e que aínda funciona como sede do Terzo Norte de Infantería de Marina, é outro dos fitos desta ruta, que tamén nos achega ao Pazo de Capitanía. Nel podemos atopar mobiliario e ornamentación propios dun palacio do século XVIII en perfecto estado.
O Museo Naval e o Museo da Construción naval, xunto co castelo de San Felipe e o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural -que teñen cadansúa páxina nesta revista- son outras visitas que propón a Ruta da Construción Naval. Pero ademais, é posible admirar os belísimos edificios do arquitecto Rodolfo Ucha na Ruta Modernista, ou descubrir a intrahistoria da cidade no percorrido “Ferrol secreto”.
Inscricións e máis información en:
https://ferrolguias.com/#visitas-ferrol-individualeshttps://ferrolguias.com/#visitas-ferrol-grupos