A natureza brinda a oportunidade de vivir experiencias únicas e de gran valor didáctico; de achegar os escolares a espazos nos que a formación pode ir da man da diversión; nos que descuberta do patrimonio natural máis próximo convírtese nunha apaixonante viaxe para, desde o pasado, axudar a comprender o presente.

A comarca do Eume dispón dun recurso natural de primeira orde para que esta experiencia poida estar ao alcance de calquera centro educativo. Falamos das Fragas do Eume, un dos seis parques naturais declarados en Galicia e un dos bosques atlánticos de ribeira mellor conservados de Europa.

A beleza da paisaxe, a representatividade do seu ecosistema e a escasa ocupación humana da zona fan da fraga un lugar único. Nas súas 9.000 hectáreas de extensión sucédense exuberantes bosques que seguen o curso do río Eume, de preto de cen quilómetros de lonxitude.

No corazón desta densa fraga emerxe o Mosteiro de Caaveiro, ao que é posible acceder desde diferentes rutas. Propoñemos, nestas páxinas, a que parte desde Pontedeume. O mellor xeito de coñecer a zona é sen dúbida a pé, para poder contemplar con calma todo o que nos imos atopando polo camiño.

Desde o Centro de Interpretación de Caaveiro iniciamos unha andaina no decurso da cal poderemos contemplar unha gran variedade de especies arbóreas, entre as que destacan os carballos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros freixos, olmos, acivros ou teixos. Atoparemos así mesmo máis dunha vintena de tipos de felgos, algúns deles milenarios, e máis de duascentas especies de liques. Isto, sumado á variedade da fauna -con máis de cen especies de aves, 41 de mamíferos e 8 de peces-, converte as Fragas do Eume nun ecosistema digno de estudo.
Ao longo do percorrido, no que pasaremos polas afamadas pontes colgantes -Cal Grande e Fornelos-, iremos deixando atrás varios refuxios de pescadores e moitas fermosas imaxes que nos irá deparando a camiñada.

Sabías que nas Fragas do Eume hai máis dunha vintena de especies de fentos que persisten desde o periodo xeolóxico Terciario? Animádesvos a recoñecer algunha delas?

Xa desde o Mosteiro de Caaveiro teremos oportunidade de gozar dunhas espectaculares vistas do Parque Natural, mais tamén de profundar na propia historia deste cenobio situado na frondosa fraga, entre os ríos Sesín e Eume e que foi obxecto de diferentes intervencións ao longo da súa historia. A súa fundación vincúlase a San Rosendo. A recuperación da contorna do mosteiro recibiu en 2015 o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico na categoría de espazos exteriores. A senda pode continuarse por unha breve baixada ata o rumor do Sesín, do que vale a pena admirar a súa bravura de pozas e fontes verdes filtradas de musgo.

Esta é unha das posibilidades que ten o visitante de descubrir as Fragas do Eume en toda a súa esencia, pero a oferta de rutas é maior, incluindo diferentes opcións.

As Fragas do Eume contan ademais con varias áreas recreativas nas que poder merendar ou xantar e, de paso, descansar tamén un pouco logo dun percorrido que, de seguro, non deixará indiferente a ninguén.

 

 

 

 

Visitas Guiadas: A Deputación ofrece visitas e actividades guiadas polas Fragas do Eume. Para reservar data e ruta, o profesorado terá que poñerse en contacto coa Deputación.
Teléfono: 981 080 753
Correo Electrónico: turismo.escolar@dacoruna.gal
Web: turismo.dacoruna.gal/es/descubre/turismo-escolar

Centros de Recepción de visitantes:
Centro de Interpretación de Caaveiro. Carretera de Ombre a Caaveiro, km 5
Centro de Interpretación Monfero. Carretera DP-5003 s/n.
Centro de Interpretación de A Capela. Lugar Estoxa, 9