A península do Sarridal é un enclave cheo de historia. Podemos viaxar á Idade de Ferro a través do xacemento arqueolóxico que se está a escavar desde 2017. O achado dunha sauna castrexa coa súa pedra formosa, a máis antiga das poucas atopadas en Galicia, confirmaron que a zona estivo habitada cando menos desde o século III a.C. É habitual que en primavera o equipo de arqueoloxía realice unha nova campaña de escavación con visitas guiadas.

Os grandes muros que construíron os castrexos dan unha pista moi evidente do importante que era defender este enclave. Para iso tamén se levantou a mediados do século XVIII o Castelo da Concepción, un fortín armado con 45 canóns para repeler os ataques dos corsarios. No seu interior pódense visitar dúas exposicións, unha sobre a historia local e outra con pezas achadas no castro.

Cómpre aproveitar para pasear esta pequena península e asomarse desde o cantil ás cetarias que se usaban nos anos 50 para gardar vivo o pescado e o marisco que logo se levaba a diferentes puntos do país. Recentemente foron recuperadas e conforman unha paisaxe singular e unha oportunidade para falar da que foi historicamente a principal actividade económica da zona. Estas construcións forman parte do proxecto Arquitectura Límite, que catalogou hai uns anos o patrimonio arqueolóxico e industrial do litoral coruñés.

Aínda que existe un aparcamento na parte alta do Sarridal, a maneira máis doada de acceder é polas escaleiras que ascenden desde o porto, onde pode estacionar o autobús.

 

Podedes pescudar na exposición do fortín da Concepción unha moeda coa faciana de Vibia Sabina, esposa do emperador romano Adriano, datada no século II d.C.

 

 

Máis información en: castrosarridal.es y www.facebook.com/CastroSarridalCedeira
Consultar coa Oficina de Turismo a dispoñibilidade de horarios e visitas guiadas ao Castelo da Concepción: Tel. 981 482 187
Para ver excepcionais imaxes aéreas das cetarias antes da súa recente rehabilitación: https://arquitecturalimite.com/