Supermercados Gadis relanza un ano máis o seu exitoso programa educativo Alimentes Dixital, deseñado e desenvolvido para fomentar hábitos de vida saudable desde a infancia co foco posto na alimentación equilibrada, a compra consciente e a sustentabilidade. Un plan que chegará a máis de 479 centros de Galicia e Castela e León, aos que se facilitan recursos educativos de calidade para complementar os coñecementos que se imparten nas aulas.
Alimentes está dividido en catro grandes áreas temáticas, relacionadas en entre si, que se traballan transversalmente: educación sobre nutrición; consumo responsable e consciente; máxima redución do desperdicio alimentario, e o valor do desenvolvemento local e sostible a través da produción de proximidade. Todos os contidos están adaptados aos currículos oficiais da 2ª etapa de Educación Infantil e de Educación Primaria de ambas as comunidades autónomas, e directamente vinculados ás materias de Ciencias Naturais e Sociais.
Máis contidos ambientais
Cada curso escolar, Gadis incorpora novos contidos á plataforma dixital co obxectivo de enriquecer a aprendizaxe e continuar captando o interese dos estudantes. Este ano reforzouse a parte centrada no medioambiente cunha nova unidade que describe o ciclo da auga e na que se abordan cuestións como o cambio climático, a importancia de non desperdiciar os recursos hídricos, a agricultura sostible, a reforestación ou o tratamento de augas residuais.
Ademais da xa citada, Alimentes Dixital contén outras 12 unidades con textos, vídeos e fichas interactivas baseadas na cadea dos alimentos desde a súa orixe: lonxa, agro, gandería, almacéns, chegada á tenda, froitería, peixaría, lineal, caixas, fogares, reciclaxe e separación de residuos. Para recalcar a importancia dunha boa nutrición, este programa conta cunha unidade do Prato Alimentes, no que se detallan as porcións e categorías adecuadas de alimentos que se deben consumir para un menú equilibrado, segundo a recomendación do Prato de Harvard. As inscricións xa poden realizarse en a web de Gadis.
Experiencias prácticas: visitas aos supermercados
Supermercados Gadis organiza visitas aos puntos de venda para completar a aprendizaxe virtual na plataforma interactiva. O foco ponse, principalmente, nas seccións de produto fresco: peixaría, froitería e carnicería. A finalidade é transmitir que os produtos frescos e de tempada son máis sostibles e saudables. Para facilitar a xestión destas visitas presenciais, os docentes dispoñen dun calendario dixital habilitado na plataforma para reservar día e hora.
Un dos propósitos de Gadis é acompañar á comunidade educativa e á contorna familiar na promoción dun estilo de vida activo e saudable, a través da alimentación equilibrada e a práctica de exercicio físico. Sensibilizar ás nenas e nenos co coidado do planeta é outro dos obxectivos da empresa, que incentivará aos participantes para finalizar o itinerario interactivo con premios: un kit do Prato Alimentes. Tamén sorteará 5 packs de tablets entre todos os colexios que se incorporen este curso. A edición anterior contou coa participación dun total de 28.500 nenos e nenas de 479 centros de Galicia e Castela e León.