O sentido do humor é toda unha ferramenta para a vida, unha capacidade humana que cómpre cultivar e potenciar. O Museo do Humor de Fene representa unha aposta única no mundo pola risa e vai máis aló de gardar unha colección de tiras cómicas ou debuxos. Fai un traballo constante por promover o humor a través dos seus certames anuais, o Curuxa –nas súas tres categorías- e o Demo Pequeno, así como a través de exposicións, xornadas e outras moitas actividades.

Desde o ano 2023 o museo leva o nome de Xaquín Marín, o seu impulsor e director durante 25 anos. El foi responsable de reunir gran parte da colección, formada hoxe en día por máis de 300 orixinais de humoristas gráficos galegos e do resto do mundo. É unha visita para espertar a creatividade artística e a imaxinación, na que os grupos de calquera idade terán alicientes.

O Concello de Fene ofrece visitas gratuítas ao museo para os grupos escolares, dunha hora para as idades máis temperás e de hora e media a partir de Primaria. É optativo complementala con algunha proxección audiovisual ou taller.


Para saber máis de Xaquín Marín, está dispoñible na web do museo a visita virtual á mostra “Volta á orixe” que se lle dedicou en 2022: pincha aquí

 

 

Museo do Humor

 

Horarios das visitas guiadas: de luns a venres, entre 10.30 e 13.00h
Contacto: museodohumor@fenecidadan.gal o museodohumor@gmail.com
Teléfonos: 981 342 400 / 981 341 451
Web: fene.gal/museo-do-humor/portada-museo-humor/gl