A Casa do Mel e o Museo Etnográfico Monte Caxado son dous museos únicos e cunha vocación didáctica que os fai perfectos para unha visita de grupos escolares de calquera idade. O primeiro está situado en Goente e cumpriu en 2023 dúas décadas de vida. Moitos nenos e nenas proban o mel por primeira vez nesta visita, na que veteranos apicultores lles contan como traballan as abellas, como funciona a colmea e a súa produción…
Os máis pequenos son atendidos na propia Casa do Mel, situada ao pé da estrada AC-564 e cun amplo aparcadoiro, e a súa visita inclúe un taller no que entre outras cousas elaboran unha vela. Con máis idade poden optar por realizar unha pequena ruta de sendeirismo e poñer o traxe de protección dos apicultores para coñecer un apiario didáctico, no que hai unha colmea de cristal. É posible ulir no seu interior e apreciar o aroma do néctar.
O Museo Etnográfico Monte Caxado é un destino apaixonante para coñecer como era a realidade cotiá de antes, o traballo no mundo rural, as vellas escolas, os xoguetes dos nosos maiores… O profesor José López Ferro comezou a colección na década dos oitenta e desde entón non deixou de incrementala con novas doazóns. Primeiro no colexio e desde 2019 nun edificio do casco vello das Pontes, o museo foi reunindo e restaurando máis de 4.000 pezas. El mesmo guía aos grupos escolares que van visitar a mostra etnográfica, núcleo do que xa é un proxecto cultural moito máis amplo.
Cómpre non deixar de visitar a páxina web do museo e particularmente a súa sección de arquivo, para descubrir fotografías, documentos, vídeos e gravacións nas que, por exemplo, un veciño conta como era a matanza do porco, outro recorda as festas, etc.
Para investigar… Quen foi Xaquín das Herbas?
Casa do Mel:
entrada das visitas guiadas 3€ por persoa, coa opción de levar unha terrina de mel por 0,50€.
Para concertar visitas escolares, chamar ao 661 003 616.
Durante os sábados e os domingos, o museo abre en horario de 16.00 a 21.00h
con entrada gratuíta para o público en xeral.
www.casadomel.esMuseo Monte Caxado:
a visita guiada para os grupos escolares é gratuíta.
O horario é de martes a venres, de 18.00 a 19.30 e sábados, domingos e festivos, de 11.30 a 13.00h.
montecaxado.gal