Nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal temos valiosísimos tesouros. Un deles é, sen dúbida, o Xeoparque Mundial Unesco Cabo Ortegal, un espazo de extraordinario valor xeolóxico no que as rochas teñen moito que contar. Para descifrar a súa linguaxe, nada mellor que achegarse a algúns dos lugares que forman parte deste territorio singular, no que profesorado e alumnado, mais tamén as familias, poderán atopar unha aula aberta ao coñecemento que ten que ver coa ciencia xeolóxica e os cambios e movementos que viviu a Terra durante millóns de anos.

Sete concellos dan forma a este Xeoparque con recoñecemento mundial: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño

En cada un dos sete concellos que dan forma ao Xeoparque -Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, que suman preto de 800 quilómetros cadrados- atoparemos interesantísimos recursos para poder traballar moitos dos aspectos que converten en extraordinaria esta área con presenza na súa superficie de rochas que habitualmente se atopan no manto da terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade.

Unha das mellores opcións de descubrir a súa riqueza é a través das XeoRutas guiadas polo xeólogo Francisco Canosa. Hai moitas opcións, con diferentes niveis de dificultade e tempo de duración. Desde a de Praias Negras -considerada como a única praia de area negra non volcánica do noso planeta e situada aos pés dos acantilados máis altos da Europa continental- pasando pola do Granate, Mina Piquito, a do Cobre, a dos Cabos, a dos Cantís ou a dos Penidos, entre outras. Iso si, antes de saír rumbo a esta viaxe ao interior da terra, cómpre ter en conta algúns consellos: levar roupa e calzado adecuados, auga e algo de comer.

Recoñecido o 24 de maio de 2023 como Xeoparque Mundial da Unesco, ofrece tamén outras opcións de rutas como a dos Faros, a da Fraga dos Casás ou a Senda das Olas ou lugares “imprescindibles” para visitar como o Faro de Cabo Ortegal ou o Miradoiro de Punta Sarridal.

Outro dos aspectos que cómpre salientar do Xeoparque, de grande interese para os centros educativos, é o seu proxecto educativo. Tres unidades didácticas, dirixidas a alumnado de diferentes niveis, e obradoiros de corte xeolóxico dan forma ao mesmo.

Os contidos destas unidades están adaptados ao currículo educativo actual, coa finalidade de que ademais de aprender sobre o Xeoparque, os escolares do territorio adquiran as competencias claves específicas da lei educativa vixente nas materias de ciencias sociais e da natureza, xeografía, xeoloxía e bioloxía.

O pasado curso, estas unidades foron implementadas en todos os centros do territorio do Xeoparque, estimando un alcance darredor de 700 alumnas e alumnos, o que contribuirá, sen dúbida, a mellorar o coñecemento do Xeoparque e dos seus principais atributos. Un Xeoparque que o pasado febreiro converteuse ademais nunha das sedes das probas da fase galega da XV Olimpíada de Xeoloxía.

As XeoRutas localizadas no Xeoparque dan conta das singularidades deste espazo de grande valor xeolóxico e natural.
Podes consultalas a través deste enlace: xeoparquecaboortegal.gal/gl/de-visita/xeorrutas
Outras rutas: xeoparquecaboortegal.gal/gl/de-visita/outros-roteiros
Unidades Didácticas: Os centros que queiran acceder aos contidos das unidades didácticas sobre o Xeoparque do Cabo Ortegal deberán solicitalo a través do correo electrónico xestionaxco@gmail.com

Recursos educativos: xeoparquecaboortegal.gal/gl/o-xeoparque/recursos