A carón do río Xuvia, San Sadurniño dispón dun espazo lúdico e didáctico que fai deste concello unha interesantísima proposta para realizar excursións escolares.
Ano tras ano amplíanse os recursos para a rapazada nos terreos denominados da Cortiña, entre os que destacan:
A Fraga Máxica, onde conviven gnomos, dragóns, animais de fábula e seres mitolóxicos tallados en madeira e coloreados polos artistas locais Carlos García e Marina Goti.
O Arboreto: un xardín botánico que recolle as especies que configuran os bosques galegos, desde a carballeira ata o souto pasando polo bidueiral, o bosque de ribeira, o faial, o sobreiral e a fraga.
A horta de conservación de árbores froiteiras autóctonas Carlos Fornos, con medio milleiro de exemplares que teñen como obxectivo recuperar variedades galegas en perigo de extinción, entre elas algunhas propias de San Sadurniño.
O colmear didáctico, no que se pode coñecer a vida dos insectos máis importantes do planeta: as abellas.
O Pazo da Marquesa, un edificio señorial construído no século XVI, que foi lugar de referencia para a aristocracia e mesmo a realeza española a principios do século XX e que hoxe alberga as instalacións do Concello.
Podemos descubrir os elementos modernistas que aínda se conservan nos xardíns, como os estanques e esculturas
O paseo pola beira do río Xuvia, incluído na Rede Natura e acondicionado con diferentes pavimentos e algunha ponte para pasar dun lado ao outro.
Aproveitar todo este potencial para a diversión e o ensino é moi sinxelo, xa que o Concello ten en marcha -a través da cooperativa Rexenerando- o proxecto Terra de Vida, que organiza percorridos guiados e tamén obradoiros de educación ambiental e consumo responsable para alumnado de Educación Primaria.
Ao longo do ano desenvólvense neste espazo multitude de actividades orientadas ao ocio familiar, como a Carreira Popular ou as Feiras Rural e da Plantación.
Reservas para o proxecto Terra de Vida: info@rexenerando.xom / 604 033 515
Prezo dos obradoiros: 5€/persoa con grupos de 25-30 como máximo
A guía interpretativa pódese descargar nesta ligazón:
issuu.com/concellodesansadurnino/docs/librinho-terradevida-pantTodos os recursos naturais e patrimoniais de San Sadurniño poden atoparse aquí: sites.google.com/view/turismosansadurnino
Na contorna hai establecementos de hostalería