Terra mariñeira, de contrastes, de natureza, de auga, de pan… Porto comercial e estaleiro na Idade Media, a Real Vila de Neda gañouse a mención de capital do trigo de Galicia coa creación, a finais do século XVI, das Casas Reais ou Fábricas de Biscoitos, fornos nacidos para aprovisionar aos barcos da Armada. O municipio chegou a contar con 44 muíños fariñeiros. Algúns deles, aínda que xa sen uso, consérvanse ao longo da ruta que nos leva ata unha das principais xoias do concello, a Fervenza do río Belelle.
Coa Ruta dos muíños comezamos a nosa aventura por Neda. Con saída fronte á Igrexa de Santa María, o percorrido suma preto de seis quilómetros (ida). Dunhas tres horas de duración e dificultade baixa, avanza pola beira do río Belelle, somerxéndonos entre exemplares de castiñeiros, carballos e bidueiros. No decurso do camiño atopámonos coa área recreativa de Maciñeira, un espazo perfecto para facer unha pequena parada e repoñer forzas.
A comezos do século XIX, Neda chegou a contar con 44 muíños fariñeiros. Algúns deles aínda se poden ver no decurso da ruta pola beira do río Belelle
Continuamos a marcha xa coa ollada posta na fervenza, pero pouco antes de chegar ao noso destino final atoparémonos co Pazo de Isabel II, edificio que foi fábrica de tecidos e da que saían as velas para a Armada. Xusto ao seu carón atópase o aparcamento habilitado hai uns anos polo Concello de Neda para estacionar os vehículos dos visitantes ao lugar, evitando deste xeito a circulación de turismos no derradeiro treito que nos achega ao marabilloso salto de auga de 45 metros de altura.
Fervenza do Belelle: www.turismo.gal/recurso/-/detalle/210604000160/fervenza-do-belelle.
Dispón de servizo de estacionamento de vehículos nas inmediacións do Pazo de Isabel II, punto desde o que unicamente está permitido o desprazamento a pé ata ao afamado salto de auga.Ruta dos Muíños:
Distancia: 5,68 quilómetros (Ida)
Con saída desde Santa María ata a Fervenza do Belelle.
Dificultade: baixa