No val de San Xurxo de Moeche elévase un castelo que no seu día foi escenario dunha revolta histórica e que nesta localidade souberon aproveitar para convertilo no símbolo do Concello e no escenario dun dos festivais máis antigos e importantes de toda a Comunidade: o Irmandiño.
Arredor da fortaleza, que data do século XIV, xira a vida cultural e turística de Moeche. No castelo executouse unha acertada restauración que ademais de permitir a visita a esta histórica edificación -na que destacan a torre da homenaxe e o patio de armas e na que é perfectamente visible o antigo foxo- reservou parte do espazo para un Centro de Interpretación. Nel podémonos achegar ás Revoltas Irmandiñas, consideradas a primeira revolución social de Europa, que no século XV levantaron ao campesiñado contra os señores feudais. A historia do castelo e destas revoltas constitúen a exposición permanente do Centro de Interpretación, pero acolle tamén mostras temporais de diferente natureza.
Ao pé do castelo, a plantación Galicia nun ferrado reúne 37 especies arbóreas silvestres
O Concello organiza visitas guiadas para grupos, que poden chegar en autobús -hai espazo para aparcar a poucos metros- ou no tren, aínda que o apeadeiro está a unha distancia de case tres quilómetros do castelo, que hai que facer a pé.
No mes de agosto celébrase o Festival Irmandiño, que conmemora a loita campesiña con numerosas actividades entre as que a música ten un protagonismo especial e cuxo punto álxido é a recreación do asalto á fortaleza á medianoite coa única luz dos fachos dos participantes.
Horario: Mércores, xoves e venres de 11:30 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 / Sábados e domingos: de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00
Prezo para grupos: 3€/persoa (previa reserva en correo@moeche.gal)
O Concello ten editada unha unidade didáctica sobre o castelo que se pode descargar na súa web, con exercicios para alumnado de Primaria e Secundaria: https://moeche.gal/moeche/patrimonio/castelo/