As visitas escolares ou de ocio familiar ao Concello de Moeche teñen, con bo tempo, un aliciente engadido na área recreativa de Souto Grande. A pouco máis de dous quilómetros do castelo atópase esta zona de ocio situada á beira do Xuvia, na que o río forma unha presa e ata a que se pode chegar camiñando.

Arredor do río atopamos unha extensa zona de campo con árbores, e un parque infantil e mesas que fan deste espazo o lugar ideal para compartir unha comida ao aire libre.
Durante os meses de verán -de mediados de xuño a mediados de setembro- funciona unha piscina ao aire libre que é o centro de reunión da mocidade para gozar das vacacións. Dispón dun pequeno establecemento de hostalería.

A piscina dispón dun elevador hidráulico para que as persoas con mobilidade reducida poidan entrar e saír da agua sen dificultade

O Concello de Moeche ten outra proposta moi axeitada para escolares: o Circuíto Modestino, un parque de seguridade viaria situado no recinto feiral de San Ramón, moi preto do Concello. Neste espazo, os nenos e nenas aprenden as normas básicas de circulación como condutores e como peóns, contando con karts a pedais, bicicletas, cascos e chalecos entre outros materiais.

E non hai que esquecer que Moeche conta tamén cunha das feiras máis antigas de Galicia, un encontro que pode ser unha proposta moi interesante para que os nenos e nenas coñezan como foron os primeiros “centros comerciais”. Os días 11 e 23 de cada mes celébranse estas feiras, nas que os produtos de proximidade son os protagonistas e nas que tamén se compran e venden desde gando a produtos artesanais.

Horario da piscina:
Xuño: de luns a venres de 16:00 a 21:00, sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00;
Xullo e agosto: de luns a venres de 15:00 a 21:00, sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00; Setembro: de luns a venres de 16:00 a 20:00, sábados, domingos e festivos de 14:00 a 20:00.
Horario do Circuíto Modestino:
Consultar no teléfono 981 404 006 en horario de luns a venres de 8:30 a 14:30.