Moitas veces esquecémonos de mirar ao máis próximo para entender mellor o que somos na actualidade e valorar o que nos rodea. En Ferrol, o Porto tivo un papel esencial ao longo da evolución da cidade. E segue a telo. Esta zona portuaria militar, pesqueira, comercial, de pasaxeiros e deportiva bule de actividade. En 2023, a Autoridade Portuaria pechou cun balance de 5,9 millóns de toneladas de tráficos nos portos de Ferrol e San Cibrao.

Porta de entrada a Ferrolterra e A Mariña, ámbolos dous portos constitúen un dos principais motores socioeconómicos destas dúas comarcas. Con máis de cen anos de historia, a Autoridade continúa a investir esforzos para facer deste espazo unha verdadeira forza tractora para a economía da zona.

Por todo isto, a visita ás instalacións portuarias constitúe sempre unha excelente opción para saír das aulas e empaparse da súa historia. A propia Autoridade Portuaria ofrece neste sentido visitas que deberán ser concertadas previamente na súa páxina web.

Ver o funcionamento das actividades de carga e descarga ou a maquinaria coa que se desenvolven estas operacións son algunhas das curiosidades ás que se poderán achegar os estudantes no percorrido polo porto interior. O porto exterior, no que descargan os grandes buques e no que se atopan terminais como a de contedores, constitúe tamén unha excelente opción para ilustrar aos estudantes sobre a loxística do transporte de mercadorías por mar.

Visitas escolares: as visitas escolares poden ser concertadas a través do seguinte enlace:
www.apfsc.com/puerto-y-ciudad/visitas
Centro Interpretativo Cabo Prioriño:
www.apfsc.com/gl/porto-e-cidade/centro-interpretativo-cabo-priorino
Sala de exposicións Curuxeiras: Horario: de 11 a 14 horas y de 17:00 a 20:00 horas
www.apfsc.com/gl/porto-e-cidade/exposicions