O recoñecemento pola Unesco do Xeoparque Cabo Ortegal fixo agromar novas propostas de ocio activo en Cedeira. Entre elas está “Na búsqueda do Sanandresiño”, que o Concello impulsa en colaboración con dúas empresas locais e que vai dirixida especificamente a grupos escolares. A proposta, bonificada pola administración local, artéllase arredor do novo parque de aventura do Campo da Armada, na Serra da Capelada, con estruturas de madeira, cordas e pontes colgantes entre as árbores.

A actividade propón un reto á altura de cada grupo, segundo as idades. Haberá que gabear polas árbores e pasar polas pontes colgantes, así como superar probas de orientación pola contorna empregando a brúxula. Durante o xogo, os monitores descubrirán segredos e misterios desta serra inzada de lendas na que se atopa Santo André de Teixido.

Sabedes cales son os oito sanandresiños que fabrican en Teixido? De que están feitos?

Tamén na Capelada hai un reto para os máis intrépidos: a “Senda do Santo”, única vía ferrata de Galicia. A web do Concello ofrece cumprida información sobre este percorrido, que poden facer deportistas federados pola súa conta ou ben grupos acompañados por monitores das empresas autorizadas. O tramo inicial é un ascenso de 17 metros, pode que o máis esixente do percorrido, no que se inviste arredor dunha hora e media avanzando sobre as paredes de pedra con pontes colgantes, grapas e cadeas, coa impresionante vista dos acantilados e a aldea de Teixido de fondo.

Unha proposta máis tranquila, aínda que tamén esixente, é o camiño a Santo André de Teixido. Pode elixirse a ruta do Camiño Vello e tamén outras, todas descritas na web caminosasanandresdeteixido.gal. E para descubrir as lendas e a maxia de Santo André cómpre contactar con eufundevivo.com, unha iniciativa de desenvolvemento local que ofrece, entre outras cousas, visitas guiadas.

 

Para realizar a actividade “Na búsqueda do Sanandresiño”, enviar mail a noel.lopez@cedeira.gal
Vía ferrata: turismo.cedeira.gal/senda-do-santo