No mes de xaneiro do 2024 comezaba a funcionar no centro cultural Torrente Ballester un novo recurso didáctico cuxo éxito foi inmediato, tanto que en apenas uns meses xa o visitaron máis de 400 pequenos e pequenas.

O arqueódromo instaurouse nunha das salas do edificio como unha iniciativa da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial -creada pola Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol- destinada aos escolares. O obxectivo era permitirlles achegarse a unha profesión, a de arqueólogo, que mesmo conta cun Máster Universitario no Campus da cidade.

En determinadas datas organízanse tamén actividades de Arqueoloxía en Familia para que os nenos e nenas poidan asistir acompañados por un adulto

A visita ao arqueódromo está especialmente indicada para estudantes de sexto curso de Primaria ou primeiro da ESO, e comeza cunha pequena charla na que se explica todo o complexo mundo da arqueoloxía e o feito de que se trata dunha tarefa en equipo. Ademais de escavar por si mesmos un pequeno xacemento con area para atopar réplicas de tesouros que poden aparecer na arqueoloxía real (torques, moedas, restos de cerámica ou ósos), a experiencia complétase cunha análise de laboratorio. Os nenos e nenas terán que descifrar a que período histórico corresponden os achados coa axuda dunhas fichas que os axudan a identificalos.

Outro dos obradoiros que se desenvolven neste espazo está relacionado coa escritura cuneiforme, nacida en Mesopotamia arredor do ano 3.500 antes de Cristo e que se aplicaba cun obxecto en forma de cuña -de aí o seu nome- sobre unha tabliña de arxila. Os nenos e nenas adquiren así coñecementos históricos á vez que se divirten.

Máis información e reserva de prazas en: arqueodromo.ferrol@gmail.com