A segunda etapa do Camiño Inglés permitiranos camiñar durante uns quilómetros por Fene, un concello estreitamente ligado á construción naval, sector de gran relevancia na nosa contorna. A instalación, en 1941, da antiga factoría Astano (actualmente Navantia Fene) deulle pulo a un municipio que segue a ter na emblemática grúa pórtico do estaleiro un dos seus elementos máis simbólicos.

A ruta xacobea ofrece neste lugar excelentes panorámicas do afamado guindastre así como das instalacións navais no seu conxunto. Estampas coas que poder valorar, especialmente co alumnado en idade escolar, ese pasado e presente da que foi unha das principais industrias da zona, como xeito de trasladarlles a importancia que esta actividade tivo para tantas familias da comarca.

Facemos unha foto? Podedes inmortalizar o voso paso polo treito fenés da ruta xacobea cunha imaxe no Banco Peregrino situado a carón da Fonte do Camiño

En Conces de Arriba dá o Concello de Fene a benvida aos peregrinos para lles abrir as portas dun itinerario moi accesible que nos vai conducindo ata o núcleo urbano, deixando ao seu paso o singular Museo do Humor (páxina 26) ou o Parque Castelao.

Continuamos a ruta, logo de cruzar a N-651 para pasar por diante do edificio do Concello. A partir de aí, iremos adentrándonos no Fene máis verde e rural, pasando pola Fonte do Camiño, o Banco Peregrino e o lavadoiro de Mundín para seguir os sinais de ruta xacobea por un camiño arroupado por un pequeno bosque de piñeiros e eucaliptos que nos conducirá ata o polígono Vilar do Colo.

Camiño de Santiago: fene.gal/turismo/camino-de-santiago. Información detallada do tramo da rúa xacobea ao seu paso polo concello de Fene.
Máis información: Concellería de Turismo: Praza do Alcalde Ramón José Souto González, s/n. Fene
Teléfono: 981 49 27 07
E-mail: turismo@fene.gal