Ferrol, quilómetro cero do Camiño Inglés, volve ser, un ano máis, o punto de partida da nosa revista DeExcursión. A ruta xacobea ofrece, ao seu paso pola cidade naval, interesantes recursos para poder achegar aos estudantes a historia dunha cidade que ten a súa xénese no barrio portuario de Ferrol Vello. E aí, precisamente, no porto de Curuxeiras, comeza o itinerario que conecta Ferrol con Santiago de Compostela ao longo duns 113 quilómetros. Tamén neste barrio tan vinculado ás xentes do mar localízase o albergue público de peregrinos, situado na antiga Casa do Mar.

O tramo comprendido entre o peirao de Curuxeiras e a Igrexa das Angustias coñécese como a “primeira milla” do Camiño Inglés

Ferrol constitúe, deste xeito, o primeiro treito dun percorrido con tinturas ilustradas, as que deron cor á época de esplendor da cidade naval no século XVIII. Ao noso paso atoparemos interesantes elementos arquitectónicos, patrimoniais e industriais. A igrexa de San Francisco, a praza de Amboaxe ou a de Armas, sede do Concello de Ferrol, no barrio de A Magdalena, son algúns dos puntos de interese dunha ruta que continúa polo Cantón de Molíns para dirixirnos, de forma paralela ás instalacións militares navais e do estaleiro de Navantia polo barrio de Esteiro, a Caranza.

Á altura do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño iniciaremos un tramo seguindo a liña de costa que concluiremos, logo de pasar pola capela do barrio, na praia de Caranza. Unha opción inmellorable, sempre que o tempo acompañe, para poñer o colofón ao tramo do Camiño Inglés polo municipio ferrolán.

 

Visitas en grupo ao teatro Jofre: concertar previamente as visitas a través da Concellería de Cultura, no teléfono 981 944 180.
Primeira milla do Camiño Inglés: ferrolguias.com/portfolio/primera-milla-del-camino-ingles
Información: Oficina de Turismo. Via Compostellam Ferrol – Paseo da Mariña, s/n Teléfono: 981 944 252
ferrolturismo@ferrol.es
visitferrol.com/ruta-de-camino-ingles