En Neda comeza a segunda das seis etapas nas que se divide a ruta a Compostela. O percorrido por esta apracible vila costeira, que dispón de albergue, é moi sinxelo e doado para realizar co alumnado, que poderá descubrir un territorio con moita historia. Un dos seus primeiros puntos de interese está na Igrexa de Santa María. O templo, que vén de cumprir 300 anos, alberga no seu interior un auténtico tesouro da arte relixiosa galega: o Cristo da Cadea, talla chegada desde Inglaterra a mediados do século XVI.

Logo de cruzar o río Belelle por unha pasarela de madeira, adentrámonos no casco histórico da vila, onde poderemos contemplar os singulares soportais así como a Torre do Reloxo, que pertenceu ao antigo hospital do Santo Espírito, fundado a comezos do século XVI.

Na Igrexa de San Nicolás poderedes atopar un dos cruceiros máis antigos de Galicia así como a escultura en homenaxe ao peregrino realizada sobre o tronco dunha árbore

Ao final deste tramo poderemos achegarnos ata a Igrexa de San Nicolás, cun dos cruceiros máis antigos de Galicia e, desde hai uns anos, tamén cun novo atractivo moi especial: a espectacular escultura coa figura dun peregrino tallada sobre o tronco da antiga árbore que presidía o adro. Seguro que ninguén quere abandonar o lugar sen lle facer unha foto!

Deixamos atrás o núcleo urbano de Neda para tomar a subida cara ao Puntal, en dirección Fene, desde onde merece a pena repousar uns minutiños para gozar das espléndidas vistas da ría ferrolá.

Máis información: www.caminoingles.gal/es/concello-de-neda
Albergue de Peregrinos: www.caminodesantiago.gal/en/recurso/-/recurso/280380558