Imos comezar o noso percorrido polo tramo naronés da ruta xacobea formulándovos unha pregunta: A que nos referimos cando falamos de “Narón100”? Seguro que máis de un está a levantar xa a man para responder… Narón100 fai alusión ao fito de pedra que marca os 100 quilómetros que faltan ata Compostela na ruta do Camiño Inglés, distancia mínima esixida no itinerario a pé para poder acadar a credencial.

No paseo marítimo de Xuvia atópase o fito de pedra que marca os 100 quilómetros que faltan a Santiago, distancia mínima esixida para acadar a “Compostela”

A pedra atopámola no paseo marítimo de Xuvia, mais o tramo naronés comeza antes, na zona do polígono industrial da Gándara, onde avanzaremos a través do sendeiro paralelo á enseada. Poñemos rumbo a un dos primeiros lugares de maior interese do percorrido, o Mosteiro de San Martiño de Xuvia, tamén coñecido como Mosteiro do Couto, edificio emblemático catalogado como BIC baixo a categoría de Monumento Histórico Artístico.

O seguinte recurso a destacar é o muíño das Aceas, declarado Real Fábrica de Fariñas por Carlos IV en 1798 e que formaba parte da importante rede de moenda industrial instaurada por industriais franceses no século XVIII. Outro muíño, xa ao carón da ponte de Xuvia, atrae a atención dos camiñantes. É o de Xuvia, de 1775, transformado a comezos do século XIX na principal acea do país en capacidade de produción. Hoxe alberga o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (consultar páxina 26). Xusto fronte a este espazo, saúdanos o impoñente magnolio centenario que forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

oppo_0

Mosteiro San Martiño de Xuvia (Mosteiro do Couto): turismo.naron.gal/es/conoce-naron/que-visitar/espacios-naturales/monasterio-de-o-couto
Camiño Inglés: turismo.naron.gal/gl/conece-naron/que-visitar/espazos-naturais/camino-ingles-santiago-de-compostela
Paseo marítimo de Xuvia: turismo.naron.gal/es/conoce-naron/que-visitar/espacios-naturales/paseo-maritimo-de-xuvia
Máis información: turismo.naron.gal turismo@naron.gal Teléfono 981 33 77 00 (extensión 1502)