A axencia Pingota Comunicación creou a revista DeExcursión hai case dez anos co devezo de ofrecer unha ferramenta útil para o profesorado cara á organización de saídas fóra da aula. Desde os niveis de Infantil ata os de Bacharelato ou Formación Profesional, a viaxe é un estímulo per se, unha ocasión para pasalo ben cos compañeiros e compañeiras, pero tamén un recurso poderoso no proceso de aprendizaxe. Nas páxinas desta publicación hai un completo catálogo de espazos naturais, museos, enclaves históricos e todo un amplo conxunto de destinos dentro das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal moi acaídos para iso. De seguro atoparedes recursos para apoiar o traballo que ides facer no interior da aula, ben sexa nunha saída dunha mañá ou dunha xornada, ou ben a través de convivencias máis longas.
En ocasións, o máis próximo é descoñecido. Queremos que esta revista contribúa a descubrir os recursos do propio concello e dos que están máis próximos, a maioría a moi pouco tempo en autobús e moitos deles co aliciente de poder contar con persoas que farán de guías e acompañarán ao grupo. Aquí tedes información de cada saída proposta, teléfonos de contacto e referencias onde procurar máis datos.
DeExcursión é un proxecto que ano tras ano se traduce nesta revista en papel, que chega a centros educativos de toda a provincia da Coruña, e tamén nunha páxina web -www.deexcursion.net- na que a publicación está dispoñible para a súa descarga gratuíta e unhas redes sociais -Facebook e Instagram- nas que ao longo do ano falamos dos destinos para escolares de Ferrol, Eume e Ortegal, poñendo tamén o foco no ocio familiar.
Tomade estas páxinas como unha invitación á aventura e á aprendizaxe, temos moito que descubrir na nosa contorna! Escribídenos a deexcursion@deexcursion.net para contarnos das vosas saídas e compartir a experiencia.