DoniñosLago de As Pontes

Xa temos as novas bandeiras azuis. Un dos grandes atractivos de Ferrolterra é a súa costa, na que se atopan praias que son auténticas xoias naturais e, ademais, un dos recursos turísticos máis relevantes da zona. O litoral galego é unha das áreas costeiras de todo o mundo que máis bandeiras azuis recibe cada ano, onde se ve premiada a súa calidade e o seu valor paisaxístico e ambiental.

Este distintivo, o da bandeira azul, é o selo máis recoñecible a nivel internacional sobre a calidade de praias e portos. Na edición deste ano na provincia da Coruña ondearán 35 bandeiras e no municipio de Ferrol  renováronse as catro bandeiras outorgadas en anos anteriores aos areais de Doniños, Esmelle, Fragata-Pareixal e San Xurxo. Destas, Doniños e San Xurxo son as que nunca faltan, xa que ambas levan 14 anos consecutivos recibindo este distintivo.

E como novidade na comarca, o lago de As Pontes estrea bandeira azul por primeira vez, o que supón un recoñecemento á gran labor de recuperación que se fixo nesta zona natural, adicada durante décadas á explotación mineira.

A Fundación para a Educación Ambiental (FEE) xunto coa ONG Adeac (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) son as entidades que conceden este distintivo, que esixe o cumprimento dunha serie de requisitos por parte dos areais. As praias que desexen lucir unha bandeira azul deben contar con auga de excelente calidade, ter aseos públicos e servizo de socorrismo, dispoñer de paneis con información ambiental e por suposto, realizar unha correcta xestión dos residuos. Ademais, para garantir o mantemento destes criterios, estas organizacións realizan unha serie de controis e inspeccións periódicas.

Estes requisitos precisan a miúdo da adicación dun investimento importante por parte dos concellos, así como de certa intervención nos areais, o que provoca que algúns anos diminúa o número de praias que soliciten a bandeira.