No Día Internacional dos Museos, destacamos a súa importancia como lugares fundamentais dentro do turismo da comarca, espazos que conservan, expoñen e exhiben o seu patrimonio. Aínda que a desescalada deseñada polo Goberno inclúe a súa reapertura na actual fase 1 e estes xa preparando os protocolos necesarios para retomar a súa actividade, a celebración de hoxe coincide coa meirande parte deles pechados.
Só o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol reabre as súas portas, e faino precisamente hoxe. A súa función é o estudo, defensa e conservación do medio natural e do patrimonio antropolóxico da natureza galega. E neste contexto, ten interesantísimo material, desde esqueletes ata maquetas, restos de pegadas animais e moitas cousas máis para ofrecer ao público.
Polo momento as visitas para grupos terán que esperar e entre as medidas de seguridade adoptadas están os percorridos circulares. A través deles poderanse visitar todas as salas, incluíndo as novas pezas da exposición de cunchas de Filipinas de Claudio de Montero y Gay, recentemente revisadas por unha representación da Universidad de Manila.
O museo mantén o seu horario habitual, de 9.30 a 13.30 polas mañás e de 16.30 a 20.30 polas tardes, de luns a venres. Os visitantes terán que usar máscaras e luvas, ademais de manter a distancia de seguridade.
Museos do Arsenal
Nos dous museos ubicados dentro do Arsenal, o da Construción Naval, que xestiona a Fundación Exponav e o Naval, dependente do Instituto de Historia e Cultura Naval da Armada, prepáranse tamén para reabrir as suas portas aos visitantes, námbolos dous casos cumprindo todas as restriccións de aforo e protocolos que se marcan desde o Goberno e a Xunta.
Aínda que o Museo Naval non abrirá este mes, o da Museo da Construción Naval fixou a data do 26 de maio para recibir visitas de novo. Daquela, contará con material como un lector de temperatura corporal e unha zona de desinfección do calzado para garantir a seguridade. Será obrigatorio o uso de máscaras e colocaranse dispensadores de xel hidroalcohólico, ademais de reducir o aforo. O número máximo de persoas que poderán coincidir no interior do edificio de Herrerías é de 80 por planta, 160 en total. O Museo da Construcción Naval retomará a exposición sobre as botaduras que foi interrompida coa declaración do estado de alarma, e os visitantes terán tamén a oportunidade de descubrir os recentes cambios efectuados, entre eles a recolocación dalgunhas pezas e la limpeza e restauración doutras. E ata o momento da apertura é posible realizar percorridos virtuais desde a súa web.
Outros museos como o do Monte Caxado planean abrir as suas portas no vindeiro mes de xuño extremando as medidas de limpeza e coa utilización de máscaras obrigatorias.
O resto dos da comarca todavía non teñen data definida para a reapertura, aínda que todos eles traballan xa nos novos protocolos de seguridade, o mesmo que os centros de interpretación dos diferentes concellos.