A nosa axencia Pingota Comunicación ten decidido aprazar ata 2021 a próxima edición da revista DeExcursión. Nas actuais circunstancias existe moita incerteza sobre como se vai desenvolver o vindeiro curso escolar e sobre se os profesores poderán programar saídas e excursións nos parámetros habituais.
Porén, a web e a páxina de Facebook de DeExcursión seguen en activo e seguiremos traballando nelas para consolidalas como referencia para o ocio familiar e dos máis pequenos, continuando na senda emprendida e que ao longo do último ano conseguiu duplicar o número de seguidores do noso Facebook.
Confiamos en que a revista DeExcursión voltará no ano 2021 con novos folgos, os que teremos todos para gozar das saídas en grupo!
Mentres tanto, visitade a nosa web para buscar alternativas de turismo nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Esta crise obriga a voltar sobre o máis próximo, e nesta zona temos moito que ofrecer! En www.deexcursion.net tedes saídas de natureza, centros de interpretación, paseos por zonas urbanas, rurais… seguro que atopades lugares que se adaptan as condicións de seguridade esixidas en cada momento.
Matrícula para o vindeiro curso
Aproveitamos tamén para informar de que ao longo deste mes de maio estará aberto o prazo de admisión de alumnos do segundo ciclo de Infantil, Primaria, ESO e Bacherelato cara ao curso 2020-2021 nos centros educativos públicos. Moitos pais e nais xa tiñan feito os trámites, pero recordamos o calendario que acaba de retomarse para aqueles que aínda teñan que formalizalos:
-Do 11 ao 18 de maio: preinscripción
-Ata o 26 de maio: presentación de documentación naqueles casos nos que haxa que baremar.
-Ata o día 9 de xuño: publicación listas provisionais de admitidos.
-Antes do 26 de xuño: publicación das listas definitivas.
-Do 1 ao 10 de xullo: formalización de matrícula para Infantil e Primaria.
-Do 1 ao 10 de xullo: formalización de matrícula para ESO e Bacharelato, prazo extraordinario do 1 ao 19 de setembro.